O historiador e profesor será incinerado o martes e as súas cinzas esparexeranse máis adiante en Fisterra

Morreu Marcos Valcárcel, o gran referente da vida cultural ourensá

A capela ardente. (Foto: José Paz)
O escritor e profesor Marcos Valcárcel López morreu tras unha longa enfermidade que o tiña apartado da súa actividade.
Faleceu onte pasadas as 13.10 horas e será incinerado mañá pola mañán ás 10.15 horas nunha cerimonia estrictamente familiar. As súas cinzas serán esparexidas máis adiante en Fisterra, un lugar cargado de simbolismo que el amaba e onde veraneaba. Pero os seus amigos, precisaba onte Afonso Vázuquez Monxardín, aínda lle rendirán tamén mañá, pero pola tarde (18.30 horas), unha homenaxe no Liceo de Ourense, entidade á que estaba moi vinculado e, de feito, foi o que impulsou e presidiu a sección de Literatura da institución. Os restos mortais de Marcos Valcárcel permanecerán ata mañán, martes, no tanatorio das Burgas.

Xa onte, nada máis coñecerse o pasamento do escritor e profesor, numerosas persoas do mundo da cultura, da educación e da política acudiron ó velatorio para expresar á familia o seu pesar e as súas condolencias; porque a morte de Valcárcel, aínda que se coñecía a gravidade do seu estado de saúde, conmocionou á sociedade ourensá.

Un dos primeiros en acudir foi o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, que calificou ó profesor como un 'referente da vida cultural e literaria de Ourense', polo que o seu pasamento non é senon 'unha noticia moi triste para a cidade'.

Tamén o presidente da Deputación, Xosé Luis Baltar, definiu a morte de Valcárcel como 'unha gran perda para Ourense'. Valorou especialmente a 'relación leal' que mantivo coa institución, que publicou a súa primeira obra, un traballo sobre o periodismo en Ourense.

Compañeiro de traxectoria política nos oitenta, o agora concelleiro nacionalista Manuel Herminio Iglesias di que Valcárcel era un 'amigo, un amante da terra e un ourensán ilustre. Hoxe todos nos sentimos un pouco orfos'. El destacou do finado a súa 'militancia cultural' e a súa creatividade 'incansable', aínda que con el 'a natureza non foi xenorosa'.

Para o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González, este era un desenlace esperado 'pero é moi doloroso'. Marcos Valcárcel, di, era un 'valedor e traballador infatigable tendo a Ourense sempre no seu punto de mira'. De igual xeito, o profesor Felipe Ferreiro advertía de que Ourense sentirá enormemente esta perda porque era un referente da cultura. A concelleira de Educación, Ana Garrido, que participou na súa homenaxe no Liceo, en 2008, destacaba onte a súa rigurosidade no saber, a súa coherenvia e criterio e 'unha vida consecuente no profesional e no persoal'. E a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, cre que a súa perda é 'irreparable' porque Valcárcel foi unha persoa que 'traballou en favor da cultura e tendo en conta a identidade de Ourense'. A Fundación Curros Enríquez, que lembraba o acto de Celanova no que se valoraba a condición de Valcárcel como patrón desta entidade, e a de ser 'un dos dinamizadores culturais máis fecundos e rigorosos de Ourense nos últimos anos'.

Te puede interesar