TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Muxicas, o grupo que sente o teatro

<p></p>
photo_camera Parte do elenco de actores do grupo teatral Muxicas, representando "Arsénico por compaixón".

Este grupo está formado na súa maioría por actores e actrices cegos ou cunha discapacidade visual grave

Nas primeiras reportaxes que escribín para estas Testemuñas da Memoria falaba das heroicidades de certas persoas ante cometidos que se saían un pouco do común: xente que arriscaba incluso a vida na posguerra, persoas que loitaban soas e sen axudas ante obstáculos ou atrancos que se lles poñía polo medio para que tropezasen unha e outra vez...

Pero tamén hai xente que, con axudas ou sen elas, están aí loitando contra os elementos máis diversos e adversos cos que alguén se pode atopar no camiño. Porque, deixándome de andrómenas: é unha auténtica heroicidade traballar, orientar, conducir, dirixir e aconsellar a un grupo de persoas cunha discapacidade visual grave, tan grave que algúns actores están cegos por completo. E hoxe en día, os adaís de todo isto son Melania Cruz (actriz) é Tito Asorey (director e actor) que fan de chantón, de guía, de puntal do Grupo de Teatro Muxicas de Ourense.

Como dixen, este grupo está formado na súa maioría por actores e actrices cegos ou practicamente cegos, polo que, ó momento, me fan pensar nesa heroicidade a partir dos seus ensaios e das súas representacións, nos seus bandazos, nos seus cabreos ó non atinar nas colocacións, nos disimulos que levarán a cabo para que non se lles note moito a discapacidade. Heroicidade porque resolven todo iso con sacrificio, traballo e, iso si, moita ilusión. E despois está o propio ser, a propia personalidade que, segundo confesión de Tito Asorey, dá gusto compartir eses momentos de ensaio, de traballo, de semente con ese grupo de xente que son fabulosos e que queren seguir e seguir, logo de tropezar e de engarrar, ata que acadan o froito que, unha pena, non ven, pero si senten. E isto é o máis importante.

Certo, hoxe os heroes son Melania Cruz e Tito Asorey, pero antes destes houbo tres heroínas máis encargadas de levar a bo porto a este taller de teatro da delegación da ONCE de Ourense, que empezou a funcionar no ano 1998 da man da actriz e directora teatral Sabela Gago, que tamén estaba, e aínda está, vinculada á compañía Sarabela Teatro, e que sempre realizou unha importantísima labor de pedagoxía teatral, destacando a Aula de Teatro Universitaria de Ourense.

Desde o momento da creación da compañía Teatro Muxicas, un pequeno pero moi fiel grupo de actores e actrices estiveron vinculados ano tras ano a esta experiencia. Sabela Gago cedeulle a encomenda a Matilde Vázquez durante catro anos, do 2001 ó 2004, onde o grupo puido continuar a súa formación e poñendo en escena varias montaxes. No 2005 é Mónica Sueiro (pedagoga teatral cunha ampla experiencia no teatro afeccionado) a que se encarga de guiar a eses actores que, aínda que non ven ben, si viven os seus soños e as súas realidades a través duns personaxes que lles serven de guía.

Rematado o período de Mónica Sueiro, é, no 2007, Tito Asorey o que se fai cargo da dirección do taller, axudado por Melania Cruz. Con estes a compañía logrou unha maior solidez e consolidación, tanto a nivel de número de integrantes como a nivel de alcance dunha liña estética propia. O nivel podo asegurar que é grande, moi grande. Polo menos así mo demostraron cando os vin actuar na Valenzá coa obra “Arsénico por compaixón”. Axiña pasas de pensar que a están representando uns actores con discapacidades visuais fortes. Grazas ó seu traballo, ó seu bo facer (e por que non, á súa dirección) empezas a ver a uns auténticos actores profesionais e, o que é mellor, que pouco a pouco, vaste esquecendo desa súa discapacidade. Aí está o seu valor, a súa importancia: facerche crer que son auténticos, que están aí por méritos propios, porque souberon choutar a barreira, o atranco que se lles puxo no camiño. Ante isto, non queda outra que metelos no recuncho ese dos heroes anónimos (a eles e á dirección) que, en silencio e á modiño, fanlle cambiar o pensamento ós demais mortais.

Así, da man para o pé, levan representadas as obras “Círculo vicioso”, de Antonio Martínez Ballesteros; “A zapateira prodixiosa”, de García Lorca; “Baby Boom no paraíso”, de Ana Istarú; “A voda dos pequenos burgueses”, de Bertolt Brecht, e “A visita da vella dama”, de Friedrich Dürrenmatt, entroutras. O que demostra que traballan e que saben moi ben o que fan. Eu, sinceramente, xa teño ganas de velos noutra.

Te puede interesar