CULTURA

Viaxe polo Ourense de Casares

Ourense. 18-02-17. Local. Inauguración do roteiro de Carlos Casares na cidade de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Inauguración do roteiro de Carlos Casares na cidade de Ourense

A cidade estrenou onte o roteiro literario adicado á figura de Carlos Casares, con vinte recunchos que marcaron a vida e a obra do escritor ourensán, ao que se lle adica neste ano 2017 o Día das Letras Galegas

Coa mirada posta no ceo encapotado, a capital das Burgas inaugurou onte o roteiro de Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán,2002), escritor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Un percorrido por 20 recunchos de Ourense que marcaron a vida do autor de "Vento Ferido" como foi o caso do Liceo, ateigado de autoridades políticas e mestres de toda Galicia antes do inicio da ruta. "Carlos viña cada día aquí a traballar a prol da cultura da nosa cidade", lembrou Jesús Vázquez, alcalde dunha cidade da que o homenaxeado é fillo predilecto. 

Deseñada polo profesor, investigador e articulista do xornal La Región Afonso Vázquez-Monxardín, a viaxe partiu do Parque de San Lázaro, enfronte ao desaparecido Hotel Parque, onde o intelectual coñeceu a Vicente Risco. Foi onde descubriu a súa vocación polo mundo das letras. O seu irmán Xabier defíneo como un neno "normal e traste" ao que lle gustaban escoitar as historias contadas pola xente maior: "Pasábao moi ben en Lamas, cando os nosos avós se reunían en torno a lareira. El nutriuse de moitas desas historias para facer parte da súa obra". 

O autor de "Deus sentado nun sillón azul" ou "Cambio en tres", obras nas que Ourense cobra unha especial relevancia, naceu no 1941 nunha casa xa desaparecida da avenida da Habana, na esquina con Muebles González. Era a casa da súa avoa de Freixo, na zona de Celanova. Sen embargo, aos catro anos mudouse a Xinzo, onde viviu toda a súa infancia ata o 1952, que regresou para estudar no Seminario. "Non se pode entender a Carlos Casares, o seu universo creativo, sen entender as súas orixes. De neno estivo na Limia, na terra do esquecemento. Foi un gran imaxinador", puntualizou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. 

Xa na rúa do Paseo, outros dos rincóns presentes na traxectoria do autor foi a librería Tanco, "clave en Ourense nos anos 50 e 60. Era onde se mercaban os libros 'prohibidos'", bromeou Moxardín. "Os máis progres", comentaba polo baixo unha mestra. Precisamente, un dos obxectivos desta viaxe é acercar os máis novos á cultura e lingua galega a través dos docentes formados polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Xunta. "Isto satisfaría moito a Carlos", puntualizou o seu irmán. "Interésanos que os rapaces coñezan a obra de Carlos e as súas distintas facetas como editor, dinamizador cultural, embaixador de Galicia nos distintos países por onde viaxou a pesar da sua corta vida. Morreu os 61 anos", engadiu.

Se a librería Tanco foi un dos sitios máis frecuentados por Carlos Casares, a cafetería do hotel Miño non foi menos. Fito polo que se instalou unha placa neste punto, enfronte a El Cortijo, tamén frecuentado polo artista. 

O seu primeiro libro de relatos, "Vento ferido", que este mes cumpre 50 anos, aparece na Alameda. "O baile segue. Ela, sentada, nun banco de prenda na Alameda, soa, non ve a ninguén", recolle a placa instalada.

O universo literario do autor sae da cidade, chegando ata o Seminario Menor da Inmaculada e a Igrexa e reitoral de Beiro, "onde vivía un tío noso que era cura. O meu irmán estaba sempre moi atento, sacando detalles das historias que contabas os cregos das súas parroquias".

Te puede interesar