Concurso

Parada de Sil convoca o XI concurso de microrrelatos

O Concello de Parada de Sil convoca a undécima edición do concurso de microrrelatos Ribeira Sacra. “As cousas que se fan con ilusión son as que teñen futuro”, anotan dende o ente municipal, polo que seguen “camiñando con algo que empezou fai 11 anos”.

Como nas edicións anteriores, este certame está dotado con tres premios: o primeiro de 1.000 euros, o segundo de 500 euros e o terceiro de 300 euros.  “Este terceiro premio dotouse de maneira oficial o ano pasado por primeira vez, e este ano decidimos seguir manténdoo dado o número e calidade dos microrrelatos participantes, o que se notificará a través das nosas redes”, sinala Aquilino Domínguez, o seu alcalde.

IMPULSO Á RIBEIRA SACRA

O prazo para participar no concurso xa está aberto e poderán presentarse os relatos ata o 24 de marzo. “Iso si, este ano nas bases contemplase unha novidade e é que só se admitirán os mil primeiros relatos”, anotan dende o Concello, os que consideran que “este certame é un bo medio para dar a coñecer a Ribeira Sacra”. 

As bases para participar nesta undécima edición atópanse na web e no taboleiro do Concello de Parada de Sil e segundo informa Domínguez, este ano agárdase facer a entrega dos premios “o día 13 de maio na casa consistorial, coincidindo co Día das Letras Galegas”.

Te puede interesar