O Parlamento insta por unanimidade á Xunta a velar por manter a actividade de T-Solar

Aprobados, tamén por unanimidade, dous puntos dunha iniciativa para que o Executivo poña en marcha o plan industrial de Navantia


Os catro grupos parlamentarios aprobaron por unanimidade unha proposta conxunta para instar á Xunta a traballar para 'velar''pola prioridade' de que na resolución do concurso de acredores da planta de T-Solar no Parque Tecnolóxico de Ourense 'sexa o mantemento da actividade da fábrica e dos postos de traballo', ao tempo que procure 'o coñecemento directo' das ofertas de compra para 'a súa análise'.

Na comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, PPdeG, PSdeG, AGE e BNG chegaron a un texto conxunto polo cal o Parlamento insta ao Goberno galego a manifestar aos traballadores de T-Solar o apoio da Cámara no mantemento dos postos de traballo e, 'dentro dos medios legalmente recoñecidos, a ter unha participación activa no concurso de acredores na defensa dos intereses económicos da Administración pública galega' ademais de traballar polo mantemento de postos de traballo.

Así mesmo, pídese ao Executivo 'realizar as xestións que estean nas súas mans, nun novo escenario económico para a empresa T-Solar ou de producirse a súa venda, de forma que a Xunta de Galicia apoie 'un proceso empresarial solvente e viable que garanta o futuro da planta'.

Xunto a isto, 'respectando o procedemento establecido na administración concursal, procurará o coñecemento directo das ofertas para a súa análise, dotando todo este proceso da participación e información á representación do conxunto dos traballadores'.

Finalmente, ínstase á Xunta a 'continuar coa súa implicación na tramitación do concurso de acredores, buscando unha viabilidade para a planta do Parque Tecnolóxico de Ourense', así como lapa a 'empregar todas as vías ao seu alcance para reclamar as axudas públicas outorgadas a T-Solar nas que houbese incumprimento de condicións'.


DEBATE

Este acordo chegou este venres tras unha proposición do BNG e outra do PPdeG sobre T-Solar, así como un debate no que a deputada nacionalista Tereixa Paz denunciou 'a ausencia de actuación' da Xunta sobre esta cuestión, ao tempo que criticou 'unha estratexia premeditada' da propietaria, Isolux Corsán, para 'quitar activos' á planta de Ourense e 'abocarla ao peche' no marco dun ERE 'fraudulento'.

Neste sentido, a deputada socialista Carmen Acuñan pediu á Xunta que emprenda 'accións xudiciais' polo 'uso fraudulento' duns fondos públicos que chegan a case 90 millóns de euros, segundo apuntou.

Nesta liña, a deputada de AGE Consuelo Martínez recriminou que o ERE 'busca abaratar o prezo da empresa e vendela por cachos', ao tempo que censurou que a política enerxética da Xunta só está orientada, segundo denuncia, a 'favorecer intereses de Gas Natural Fenosa'.

Sobre este extremo, a deputada popular Cristina Romero destacou que a Xunta apoiará 'tódalas iniciativas que potencien a viabilidade de proxectos solventes', pero asegurou que non seguirá a política do 'Goberno bipartito' que concedeu avais 'sen garantías' para esta planta.


NAVANTIA

Noutra orde de cousas, nesta comisión aprobáronse tamén por unanimidade dous puntos relativos a Navantia dunha iniciativa de AGE, se ben o Grupo Parlamentario do PPdeG rexeitou o resto de enunciados.

Así, os puntos aprobados por PPdeG, PSdeG, AGE e BNG refírense a que o Parlamento insta á Xunta a que se dirixa ao Goberno central para que 'se'elabore e poña en marcha o plan industrial que aposte polo desenvolvemento da empresa pública Navantia', ao tempo que se demanda 'dar cumprimento dos acordos adoptados' na Cámara galega 'nos últimos anos' -baseándose nunha emenda do Bloque-.

En contraposición, os populares galegos declinaron aprobar que a Xunta dea explicacións 'polo incumprimento de promesas feitas por responsables públicos do PP' e a que asuma responsabilidades polo 'seu fracaso' para obter carga de traballo.

Respecto a este punto, a parlamentaria de AGE Consuelo Martínez esixiu que o presidente da Xunta, Albert Núñez Feijóo, 'terá que dimitir por mentir', mentres Carmen Adán (BNG) reprochou que o Partido Popular 'está a tomar constantemente o pelo' con esta cuestión. Ademais, Abel Losada (PSdeG) cargou contra a Consellería de Economía e Industria porque cre que 'a mellor política industrial é a que non existe'.

Como réplica, o deputado do PPdeG Miguel Tellado destacou 'o compromiso co sector naval' da Xunta, ao tempo que deixou claro que a Sociedade Industrial de Participacións Industriais (SEPI) 'depende do Goberno central' e non do autonómico. 'Esperamos que os compromisos con Pemex se leven a cabo canto antes', agregou ademais o parlamentario popular.


INCITATIVAS REXEITADAS E FESTA DO BOTELO

En contraposición, os populares rexeitaron iniciativas da oposición sobre a reposición de axudas por parte da Xunta destinadas ao sector da xeotermia, o uso de cianuro na tecnoloxía mineira, así como en relación coa tramitación do proxecto e autorización par a instalación dunha minicentral na presa de Cecebre, no río Mera.

En detalle, o Grupo Parlamentario do PSdeG denunciou que hai 45 empresas 'damnificadas' pola decisión da Xunta de 'dicir que a xeotermia non é unha enerxía renovable' e pediu que rectifique.

Pola súa banda, o deputado popular José Francisco Santos afirmou que 'especialistas non se poñen de acordo' sobre se a xeotermia é unha enerxía renovable ou non, e remitiuse a que a xeotermia 'non 'pode ser financiada' con fondos do programa Feder Galicia porque non está incluída. Así mesmo, reiterou 'os esforzos' da Xunta para actuar na biomasa forestal dos montes galegos cunha 'acción de choque' dotada de 10 millóns de euros, que vai financiar 1.000 proxectos con 18.000 toneladas ao ano.

Respecto ao uso de cianuro en minaría, AGE esixiu a súa prohibición polos 'riscos' que comporta, á vez que denunciou que 'perdura durante centos de anos'. Sobre esta cuestión, o deputado popular Aurelio Núñez Centeno defendeu que o uso de cianuro non produciu 'ningún morto' e xustificou que a súa prohibición 'abocaría ao peche' de explotacións.

Por outra banda, o deputado popular Gonzalo Trenor asegurou que 'non se vai levar adiante' a minicentral en Cecebre, pero defendeu a necesidade do proxecto para aumentar a subministración de A Coruña dende Cecebre. Un proxecto que o BNG critica, xa que corresponde con 'intereses espurios' e AGE acusa de 'auténtica cacicada para favorecer a Unión Fenosa'.

Noutra orde de cousas, nesta comisión aprobouse tamén por unanimidade unha iniciativa do PPdeG sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa declaración da Festa do botelo de O Barco (Ourense) como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Te puede interesar