Os partidos políticos puxeron o foco na cultura polas Letras Galegas

Día das Letras Galegas, en plena campaña electoral
photo_camera Día das Letras Galegas, en plena campaña electoral
As principais formacións políticas denunciaron o seu deterioro na cidade durante os últimos catro anos 

O Día das Letras Galegas centrou a xornada de campaña na cidade. Os principais partidos aproveitaron a efeméride para defender a lingua e soster as súas propostas de recuperación da cultura.

O PSdeG-PSOE celebrou un acto nos xardíns da Biblioteca Nós. No encontro participaron o candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, así como a número seis da lista, Cristina Cruz, e o número quince, José Ramón Fernández Morgade. Nun acto musicado, os socialistas renderon tributo ó homenaxeado este ano, Francisco Fernández del Riego, lendo varios textos escritos por el sobre Ourense.

No turno de intervención de Paco Rodríguez, o cabeza de lista afirmou que “é imprescindible falar da pegada deste home dende o punto de vista da cultura, da súa esencia galeguista”. Referiuse a Fernández del Riego coa frase “o que nunca se rendeu”, que definiu como “moi acaída”. “Fronte ao ruido e á furia non nos rendemos, porque como tamén  di outro dito moi noso, resistir sen renderse é vencer”, proclamou Rodríguez. Por outra banda, Morgade lamentou que o Concello non convocase ningún acto institucional para conmemorar a data, e afeou ó PP que “non empregue o idioma máis que o 17 de maio”.

Malia que a cultura foi o asunto principal, Paco Rodríguez agradeceu a inversión do Goberno central na estación intermodal. “O noso proxecto de Norman Foster foi inxustamente atacado e desmantelado polo PP”, lamentou o socialista, quen engadiu que tentará “impulsar un consorcio” para recuperar, “ata onde sexa posible, esa oportunidade que case se perde” de que Ourense sexa “a estación central” do AVE en Galicia.

A escala provincial, Rafa Villarino, secretario xeral de Ourense e candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas, presidiu outro acto conmemorativo na urbanización do Piñeiral deste concello.

Manifesto do PP

O PP de Ourense elaborou un manifesto para conmemorar as Letras Galegas. Dous mozos de Novas Xeracións lérono nun acto desenvolvido na praza da Imprenta, coa presenza do presidente provincial da formación, Manuel Baltar, e do candidato á alcaldía da cidade, Manuel Cabezas. No texto, os populares reivindican o seu compromiso coa cultura. “Ourense sempre tivo unha relación especial co mundo das artes”, lembran, rescatando o termo da “Atenas de Galicia”.

Así e todo, cargan contra o alcalde por “secuestrar” a cultura. “Tentaron pechar as portas, nun van intento de calar a voz da imaxinación dos nosos artistas, dos nosos actores, de todos os pensadores, crendo que podían facer calar á vella Atenas”, critican. Por iso adquiren o compromiso de “devolver ó seu merecido lugar a todas aquelas institucións ou iniciativas culturais maltratadas durante estes anos”.

Noutro ámbito temático, Manuel Cabezas fixo pública a súa aposta polas comunidades enerxéticas. Con esta iniciativa os cidadáns poderían aforrar ata un 25% na factura da luz, segundo cifrou. Como posibles emprazamentos para placas solares, apuntou ás traseiras dos edificios que dan ó río Miño, cumprindo un dobre obxectivo de conseguir fondos europeos para as comunidades e dar unha nova imaxe ás fachadas. Ademais, na súa “aposta de futuro” pretende crear unha primeira comunidade na antiga entulleira de Eiroás.

Vicealcaldía de cultura

O BNG prentende elevar ó rango de Vicealcaldía a Concellería de Cultura. O candidato á alcaldía dos nacionalistas, Luís Seara, precisou que queren “darlle o valor e a importancia que sen dúbida ten que ter” a esta área. Ademais, recuperaría o seu nome orixinal, xa que foi cambiado a Concellería de Artes e Festexos polo actual alcalde.

Non é a única proposta cultural que debullaron onte dende o Bloque. Fronte o Museo Municipal, pechado polo rexedor, Seara prometeu a súa reapertura e a adquisición da Casa das Cadeas “para convertelo de novo en referente e poder ampliar o seu catálogo de actividades”.

Outras das accións culturais propostas polo BNG para rescatar a cultura na cidade son a recuperación da Universidade Popular (UPO), á que lle duplicarán o orzamento ata os 350.000 euros. Tamén rehabilitar o ciclo festivo con festivais como a MOTI, o FITO, Corpo á Terra, Pórtico do Paraíso ou Outono Fotográfico, entre outros: “Fixeron que Ourense fose referencia durante moitos anos”, sentenciou Seara.

Te puede interesar