O pediatra para Pereiro é “obxectivo prioritario”

Novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar.
photo_camera Novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar.
A Xunta ten previsto incorporalo en vindeiras datas, segundo o alcalde

O centro de saúde de Pereiro de Aguiar,  que abriu as súas portas o pasado 7 de decembro, ampliará a súa carteira de servizos, como vén reclamando a veciñanza e tamén fixeron esta pasada semana o PSOE e o BNG no Parlamento. Pediatría será a seguinte en incorporarse, logo de que esta mesma semana a Consellería de Sanidade anunciase a incorporación dunha matrona o vindeiro mes. 

O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, confirmou que Sanidade transmitiu nas “continuas conversas” mantidas que a  incorporación dun pediatra é un “obxectivo prioritario e unha promesa que imos cumprir”. 

De momento, a falta de profesionais desta especialidad e a situación sanitaria están dificultando este compromiso, “aínda que se traballa para lograr que en vindeiras datas sexa unha realidad e así o centro vaia acadando un nivel de servizos acorde cun concello dinámico e en crecemento”. 

O pasado 7 de decembro inaugurárase o novo centro de saúde, e recentemente vén de abrir ao público o aparcamento adxacente, unha importante dotación para a propia capitalidade municipal. 

A incorporación de novas especialidades é agora o obxectivo. Este mes de maio incopórase a especialidade de Enfermería Xinecolóxica e Obstetricia (matrona) estreando por tanto as instalacións que  foron construídas xa para dar cursos de preparación ao parto e o posparto.  Esta nova especialidade prestará unha atención integral ás mulleres en todas as etapas da súa vida, permitirá exploracións xinecolóxicas, porá en marcha un programa do neno san e facilitará o seguemento dos recén nacidos nas primeiras semanas, ademais de asesorar as nais. 

Asemade, a matrona prestará atención á muller en todas as etapas da súa vida, desde a saúde reprodutiva e sexual, a a tención a periodos importantes como o climaterio ou menopausia. 

TAMÉN EN BARBADÁS

Dentro da área metropolitana, tamén verá reforzado o seu cadro de persoal o centro de saúde da Valenzá (Barbadás), onde Sanidade vén de anunciar a inmediata incorporación dunha enfermeira especialista en medicina familiar e comunitaria. 

Te puede interesar