Pereiro pide ao Goberno a cesión dun tramo da N-120

Inicio das obras de asfaltado da N-120 en Vilariño.
photo_camera Inicio das obras de asfaltado da N-120 en Vilariño.
Onte comezaron os traballos de asfaltado desta estrada en Vilariño

O Concello do Pereiro vai solicitar ao Ministerio de Fomento a cesión dos tramos urbanos da estrada N-120 (antiga estrada de Monforte) das parroquias de Santa María de Melias e Santa Cristina de Vilariño. Esta decisión adoptouse en outubro do pasado ano, a proposta do grupo de goberno e co apoio de tódolos grupos, polo “deficiente estado de conservación no que se atopa a estrada”, segundo asegura o alcalde Luis Menor.

Ademais, tamén se solicita esta titularidade para evitar os “graves prexuízos que sofren os veciños das parcelas colindantes, ao serlles aplicable a normativa de estradas nacionais que establece a liña de peche das parcelas a 25 metros da arista da vía o que fai practicamente inviable o aproveitamento urbanísticos das mesmas” .

Inicio das obras

Onte comezou a primeira fase do arranxo da estrada, na parroquia de Vilariño, e consistirá no asfaltado do tramo urbán que discorre polo núcleo. Menor manifestou que esperaban unha actuación “máis ampla”, pero están “satisfeitos de que arranque o proxecto”, ao tempo que espera que teña “continuidade no futuro”.

“Á vista de que o Ministerio non atendeu a nosa petición de suspensión de aplicación da súa normativa para peches e construcións nas marxes da estrada, tal e como lle fora solicitado, dende o concello vamos ir pedindo a inmediata transferencia dos tramos que se vaian arranxando para que estes veciños xa se vaian beneficiando e se liberen desas grandes limitacións que hoxe sofren”, resumiu Menor, ao tempo que demandou o “arranxo total” da estrada e que se aplique o plan de urbanismo no canto da lei de estradas para beneficiar aos veciños das fincas colindantes.

Te puede interesar