Pereiro reincorpórase ao xeodestino Ribeira Sacra

Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar.
photo_camera Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar.
O alcalde, Luis Menor, calificou este regreso como unha “débeda saldada”

O Concello de Pereiro de Aguiar viviu onte un día “histórico”, tal e como dixo o seu alcalde, Luís Menor, xa que o Consello da Xunta decidiu onte a reincorporación do municipio ao xeodestino Ribeira Sacra, do que fora fundador e do que levaba fóra desde 2005. O certo é que Pereiro foi incluído en febreiro pola Axencia de Turismo de Galicia, xunto con Trives, San Xoán de Río, Manzaneda e Chandrexa de Queixa, no devandito xeodestino.

Pereiro de Aguiar é un dos dez concellos ourensáns que formaron a primixenia Mancomunidade Intermunicipal da Ribeira Sacra (xunto con Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Esgos, Nogueira de Ramuín e A Peroxa). Pereiro de Aguiar foi tamén unha das primeiras sedes da Mancomunidade, sita en Cachamuíña, na que aínda hai un monolito que acredita que Pereiro era un territorio deste destino turístico.

Menor lembrou que a volta do municipio á Ribeira Sacra é unha “débeda reparada” porque cre que “en 2005, tomouse unha decisión arbitraria e excluíusenos do xeodestino Ribeira Sacra e incoporóusenos a Ourense”. Así, o rexedor apunta a “argumentos históricos, xeográficos, culturais, ser a porta da Ribeira Sacra, etc.”  como os principais argumentos para o seu regreso.

Esta volta tamén supón unha “oportunidade histórica”. “Pereiro pode aportar á Ribeira Sacra o seu dinamismo económico e tódolos seus servizos, podendo distribuílos para que poidan ter acceso a cousa que non podían os concellos que formaban o xeodestino por motivos de poboación”, destaca. Ademais, o municipio tamén se beneficiará da marca Ribeira Sacra á hora de atraer visitantes.

Te puede interesar