Pereiro volve ao consorcio da Ribeira Sacra 18 anos despois

Foto de familia do consorcio da Ribeira Sacra
photo_camera Foto de familia do consorcio da Ribeira Sacra
Ademais de Pereiro, ingresan tamén os catro concellos da comarca trivesa: Chandrexa, Trives, Manzaneda e Río

O pleno do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra confirmou esta semana a adhesión de cinco novos concellos, todos eles ourensáns. Por unha banda está a incorporación dos catro municipios da comarca trivesa: Chandrexa de Queixa, Trives, Manzaneda e San Xoán de Río; e pola outra está a volta, despois de 18 anos de “inxusta exclusión”, como afirma o seu alcalde, Luis Menor, do concello de Pereiro de Aguiar, que volverá ter voz e voto nesta asociación que pasa agora a ter 26 integrantes (13 de Lugo e 13 de Ourense).

Menor afirmou que con esta confirmación remata “felizmente un longo proceso de catro anos de xestións para reintegrar ao noso concello nesta entidade, despois da inxusta exclusión de 2005”. Ademais, aproveitou para poñer en valor a pertenza a unha entidade de promoción turística coma o consorcio da Ribeira Sacra, na que avanza que “imos ser parte fundamental na toma de decisións”. Subliñou a “grande oportunidade” que supón para Pereiro regresar a esta asociación na que o beneficio será en dobre dirección, afirmando que “imos achegar moito pero tamén nos van aportar moito”.

Neste sentido subliñou que Pereiro de Aguiar “vai ser un socio privilexiado pola situación do municipio como porta de entrada a un espazo natural, paisaxístico e patrimonial que opta á declaración de Patrimonio da Humanidade”. Defendeu ademais a “contrastada capacidade hoteleira e de restauración do concello”, destacando tamén que “estamos en condicións de ofrecer todos os servizos que demanda o viaxeiro e o turista”. Entre os espazos que pon á disposición da Ribeira Sacra están, entre outros e como gran atractivo, o parque acuático de Monterrei, que se espera que estea rematado para este verán.

O presidente repite

A incorporación dos concellos ourensáns a esta entidade de promoción turística quedou ratificada logo da reunión celebrada esta semana no salón de actos do Concello de Monforte de Lemos, onde se reuniron os 26 membros para elixir ao presidente do novo mandato, cargo que seguirá ostentando o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, que foi elixido por unanimidade, mentres que a vicepresidencia recaeu sobre o representante do concello de Nogueira de Ramuín.

Te puede interesar