A Peroxa orza 1,1 millóns de euros para o ano 2022

O pleno do Concello da Peroxa aprobou onte o orzamento para o exercicio 2022, que ascende ata 1.148.000 euros, cos votos a favor dos concelleiros populares do grupo de goberno e coa abstención do único partido da oposición, o PSOE. Destes presupostos, a maioría dos gastos refírense ao persoal, aos que se destinarán máis de 500.000 euros. Os gastos correntes levarán outra importante partida, máis de 400.000 euros. En canto ás inversións reais, este ano destinaranse 32.000 euros.

O voceiro da oposición, Antonio González, cuestionou varios puntos, como o referente ao alumeado público. “Chámame a atención que teñamos o mesmo gasto en iluminación que o ano pasado cando invertimos nas luces led”, ao que o rexedor municipal, Manuel Seoane, indicou que “hai que ter en conta que o prezo subiu, e tamén responde a cuestións técnicas”. O punto máis conflitivo tivo que ver coas subvencións que recibe o equipo de fútbol municipal. “Non é lóxico que A Peroxa C.F. leve 2.000 euros e o equipo de fútbol sala dos Peares leve 1.000 cando un ten 127 fichas e o outro non chega ás 20”, criticou. A isto respostou Seoane indicando que “realmente reciben preto de 10.000 euros públicos, porque non conta a xestión do campo de fútbol, do que é case o único usuario”.

Te puede interesar