O cineasta ourensán Ignacio Vilar está nas montañas dos Ancares filmando o seu novo proxecto. Vilamor é a historia dun grupo de mozos que formaron unha comuna nunha aldea de Lugo entre os anos 1976 e 1982.

De Pradolongo ata Vilamor

Cada artista ten un tema que o enche e arredor do cal acaba xirando toda a súa obra. O seu tema é a aldea e volve a ela sempre que pode. O cineasta ourensán Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras) viaxou dende Pradolongo cara os Ancares para recuperar a historia dunha aldea, Vilamor, que volveu nacer entre os anos 1976 e 1982 gracias a unha comuna. Un encoro deixáraa illada e a ela podía accederse só en barca. Unha serie de mozos que devecían pola liberdade que só brinda a natureza estableceron o seu modus vivendi na zona non sen antes espertar certas xenreiras entre os veciños da contorna.
Vilamor é unha historia cinematográfica, pero tamén foi unha historia real. Eses mozos existiron e viviron nos Ancares. Ignacio Vilar escoitou de primeira man as súas narracións, buscounos por toda España e, como artista que é, a súa cabeza de seguido comezou a realizar as tomas da que será a súa terceira longametraxe de ficción. Antes veu Pradolongo, a aldea, o respecto pola natureza. As cousas daquela saíron ben e Vilar decide continuar co seu equipo nesta ocasión.

Encabeza o reparto o tamén ourensán Rubén Riós, quen en Vilamor é Breixo, un seminarista que volve á súa casa natal, á súa aldea. Tópase alí cos novos inquilinos, ávidos de liberdade e modernidade. O rexeitamento que provocarán nas forzas vivas do lugar, nas que se inclúen os mesmos pais de Breixo, non impiden que o mozo estableza contacto cos 'comuneiros'. Entre eles estará Sonia, unha moza estudiada que creará un conflicto interior no seminarista. Este papel interprétao unha descoñecida Sabela Arán. De Pradolongo repiten, ademais de Riós, o guionista, Carlos Asorey, a actriz Tamara Canosa, o director de fotografía, Alberto Díaz, e a compositora Zeltia Montes.

Vilamor foi unha utopía que desembarcou nas terras dos Ancares coma un soño. A Ignacio Vilar a historia chegoulle hai agora dous anos e será a finais deste cando colla finalmente corpo. A rodaxe, que comezou nas montañas de Lugo durante este mes de febreiro, estivo chea de complicacións meteorolóxicas. O equipo tiña que ascender a puntos de ata 1.600 metros de altitude e 'abríanos paso un quitaneves', asegura o director. Os aspectos técnicos foron duros, pero 'chegar alí e ver aquela paisaxe compensábao, axudounos en todo momento o espíritu da montaña'. Ignacio Vilar traballa arreo montando as imaxes ó mesmo tempo que as filma nun proxecto no que 'a paisaxe é un dos protagonistas'.

Te puede interesar