Leo Bassi voltará a Ourense o 4 de abril co seu espectáculo 'Utopía'

A presencia internacional marca a Miteu deste ano

O festival escénico máis veterano da cidade, a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), volverá durante a primeira quincena de abril coa súa programación máis 'internacional, variada e multidisciplinar'. Así define o seu director, Fernando Dacosta, a XVI edición, presentada onte, ademais de polo actor, pola directora do Teatro Principal, Olga Mojón; a concelleira de Cultura, Isabel Pérez; a vicerreitora do Campus, María Lameiras, e o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero.
Por Ourense pasarán un total de 24 grupos, a terceira parte deles de base profesional e entre os que destaca a presencia do cómico Leo Bassi o día 4 de abril co espectáculo 'Utopía'. O conxunto de compañías proceden de oito países, como Estados Unidos, Italia ou Portugal, entre outros. Para toda esta organización, a Miteu conta cun orzamento duns 95.000, unha cantidade lixeiramente inferior á disposta para a edición de 2010 que se distribúe, sobre todo, en 'comidas e durmidas'. Dacosta manifestou durante a presentación que ó alimentarse o festival de cartos públicos, 'queremos que revirta na economía da cidade'.

De entre a temática das obras teatrais programadas, o humor, a poética e o compromiso serán as tónicas imperantes, que servirán para mostrar o que se está facendo na actualidade. Como exemplo, alumnos da Aula Universitaria de Teatro representaron, na presentación para os medios de comunicación, un extracto da peza 'Leve, a nada entre as mans', que pechará a actividade escénica da Miteu o día 15 de abril.

Entre as novidades da edición deste ano salientan os premios. Por unha banda, o ata agora galardón Carlos Couceiro engadirá a figura de Begoña Muñoz ó seu nome. Créase tamén o premio á mellor resolución técnica Suso Díaz, outorgado polos técnicos do Teatro Principal e o Auditorio.

Te puede interesar