CONGRESO DO PP

Baltar, proclamado candidato á presidencia do PP de Ourense co aval de 610 compromisarios

presentacion.avais.manuel.baltar.02_result
photo_camera A comisión organizadora do Congreso provincial do PP, con Manuel Baltar (dereita).

A comisión organizadora nomeou a Miguel Santalices como presidente do congreso, que contará coa presenza de Andrea Levy e será clausurado por Núñez Feijóo
 


 

A comisión organizadora do dezasete Congreso provincial do Partido Popular de Ourense, que se celebrará este sábado no pavillón Paco Paz da capital, acordou na reunión celebrada este mediodía a proclamación definitiva de Manuel Baltar Blanco como candidato á presidencia da formación popular, avalado por un total de 610 compromisarios.

Os membros da comisión tamén procederon ao nomeamento dos integrantes da mesa do congreso, que estará presidida por Miguel Santalices. Acompañaranlle María González Rivero como vicepresidenta; María Iglesias Nieto nas funcións de secretaria; e María Antonia Rilo, José Luis Suárez e Asunción Morgade como vocais. Tamén estará na mesa, en representación da comisión organizadora, Mónica Mourelo.

Outra das decisións adoptadas hoxe foi propoñer aos compromisarios a inclusión no programa dun novo punto, como é a lectura e votación dun manifesto en defensa da deputacións. Aínda que non estaba previsto no momento da convocatoria do congreso, sinalou a comisión, o pacto de goberno entre o PSOE e Cidadáns outorgou unha especial relevancia a esta cuestión. A lectura do documento correrá a cargo de Plácido Álvarez Dobaño, como portavoz do grupo provincial popular na Deputación.

O dezasete Congreso provincial, que ten como lema “Ourense ten forza”, dará comezo ás dez da mañá. Tras a constitución da mesa procederase á presentación de tres relatorios: “Futuro e comunicacións”, que defenderá Cristina Romero; “Turismo e termalismo”, presentada por Gabriel Alén Castro; e “A provincia intelixente; Ourense como referencia”, defendida por Miri Barreira.

O manifesto en defensa das deputacións e o informe de xestión do que dará conta o secretario provincial, Rosendo Fernández, serán os seguintes puntos da orde do día e que darán paso á intervención da vicesecretaria nacional de estudos e programas do PP, Andrea Levy. A seguinte intervención será a de Manuel Baltar, que presentará a súa candidatura aos compromisarios xusto antes da apertura das urnas.

Tras o reconto dos votos, a comunicación dos resultados e a proclamación da candidatura electa, o novo presidente do Partido Popular de Ourense volverá intervir ante o congreso, que será clausurado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Te puede interesar