O recibo da auga de Barbadás subirá un 3,5%

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, replica á oposición.
photo_camera O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, replica á oposición.
A factura do saneamento de vertidos medrará na mesma porcentaxe

O pleno do Concello de Barbadás deu luz verde á actualización do prezo do abastecemento da auga, que se incrementará un 3,5%, unha suba en consonancia co Índice de Prezos ao Consumo (IPC). A iniciativa saíu adiante cos votos do grupo de goberno (PSOE e DO) e do BNG; o concelleiro do Partido Galego abstívose e o PP votou en contra. Ademais, tamén saíu adiante a actualización da ordenanza pola prestación de vertidos de augas residuais, que tamén se incrementou conforme ao IPC. 

Outras iniciativas debatidas no pleno foron a mellora da iluminación e da seguridade no treito entre Finca Fierro e o cruce de Parada. A moción foi proposta, “por sexto ano consecutivo”, polo edil do PG, Ramón Padrón, quen insistiu na necesidade de que a Deputación (a titular da vía) execute esta actuación o antes posible, unha iniciativa que foi amparada por todos os grupos. A edil responsable de Infraestruturas, Victoria Morenza, lamentou que a Deputación “ignore” as peticións formais feitas polo Concello respecto desta actuación  nos últimos tempos.

O BNG presentou unha moción na que instaban á recuperación da romaría feminista.  O voceiro dos nacionalistas, Sarín Núñez, reclamou “impulsar de novo a Romaría Feminista como unha das actividades que pularon para que o noso concello se convertera no seu día nun dos concellos pioneiros nas políticas de igualdade neste país” e acusou ao actual grupo de goberno de suprimir esta iniciativa. A concelleira de Igualdade, Elisabet González, engadiu a necesidade de incrementar o financiamento dos Centros de Información á Muller, salientando o constante incremento de atencións no CIM do concello. A moción aprobouse con votos favorables de todos os grupos a excepción do popular, que se abstivo.

Pola súa banda, o Partido Popular levou ao pleno outras dúas mocións: unha referente á mellora da seguridade nos peóns, e aumento do número de marquesiñas para a espera do bus, que foi aprobada; e outra referente á eliminación do criterio de entrevista persoal das bases de selección do alumnado do obradoiro de emprego, que foi rexeitada.

Te puede interesar