Escritor de “Claustro, corda, comensal”

Samuel Merino: “O mundo véndenos que somos iguais, pero non nos trata en consecuencia”

Samuel Merino.
photo_camera Samuel Merino.
Con data para departir cos ourensáns prevista para o mércores 17 de abril -ás 19.30-, na Librería Eixo, Samuel Merino (Mos, 1982) presenta “Claustro, corda, comensal”, un libro que, segundo o seu propio autor, “contén poemas que abordan aspectos da saúde mental dende a vivencia do paso por unha institución psiquiatrica; un texto moi persoal pero moi afastado do sentimentalismo e máis achegado á procura de diferentes reflexións ou espertar certas sensacións nas lectoras”.

Cun longo poema fragmentado como vehículo, o poeta, pero tamén performer, que baixo o nome de Pompa e Boato fai gala da súa formación filosófica e teatral -de feito, é licenciado en Filosofía-, fai dunha protagonista que ingresa nun centro psiquiátrico o pretexto para reflexionar sobre unha cuestión tan actual como descoñecida como é a saúde mental.

Isto desde a incomodidade e a desconformidade que pode provocar estar dun ou doutro lado da porta ou linde que se supón que separa, ou non tanto, dúas realidades que ao final son as dúas caras dunha mesma moeda.

Por que a elección da saúde mental como temática?

Máis que unha escolla propiamente dita, o que hai aquí é a materialización dunha necesidade persoal. Mesmo así, eu non escribín este libro para tratar un tema, porque entendo que iso é máis acaído noutros xéneros literarios, senón que, como adoito facer, uso a linguaxe poética para dar cabida a un tipo de discurso no que máis que ofrecer respostas ou hipóteses se poñan enriba da mesa certos aspectos do conflito que supón ser unha persoa concreta, coas nosas especificidades, nun mundo que nos vende continuamente a idea de que somos todas iguais, pero non nos trata en consecuencia. Eu falo de saúde mental porque me toca de preto ese tema, pero é só un exemplo máis do choque entre o individual e o colectivo, o concreto e o universal, a sociedade que precisamos e a que construímos. A saúde mental aquí só cumpre ese papel: o de dar conta da fenda permanente entre o plano do que as cousas son e o que a norma dita que deben ser.

O feito de entrar coa protagonista ao “claustro” ao que fai referencia o título do libro, pode crear empatía cunha sociedade moi desentendida e allea á  problemática da saúde mental en xeral e á problemática dun centro psiquiátrico en particular?

Coido que si. Si que persigo que a lectora entre por esa porta cunha intención: entrar nese dobre xeito de entender o claustro como espazo físico. pero tamén como non espazo, como un lugar de non pertenza. Cando unha está nun claustro está dentro ou fóra do edificio? .

Te puede interesar