CRóNICA

Seixalbo reconcilia a Paquita e Nicanor

Entroido en Seixalvo con Paquita e Nicanor (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Entroido en Seixalvo con Paquita e Nicanor (XESÚS FARIÑAS)

O comezo do Entroido en Seixalbo tiña un inconvinte: os seus mecos, Paquita e Nicanor, están separados. Foi necesaria a participación de toda a vila para que o desfile inaugural da festa tivese un final feliz, e conseguírono

Se hai unha vila capaz de implicar a todos os seus veciños nas súas festas, esa é Seixalbo, e se a troula supón a reconciliación dunha parella, mellor que mellor. O 2014 non foi bo ano para a Paquita e o Nicanor; tantos entroidos seguidos provocaron unha fonda crise no matrimonio, segundo comentaba a xente onte, no Domingo Oleiro da vila, co que era necesario que todos fixeran un esforzo para que o pequeno Vicentiño non tivese que elixir entre papá ou mamá.

Non nos enganemos, a crise matrimonial dos mecos de Seixalbo é un tema serio, o suficiente para  anunciala por bando por toda a vila e para enviar unha charanga e máis de 50 veciños na súa procura para tentar xuntalos de novo, despois dun longo ano lonxe o un do outro. A Paquita, co seu Vicentiño ao lado, e o Nicanor tiveron unha compaña curiosa no seu traxecto pola vila: ao máis puro estilo entroideiro, un grupiño de mozas coa voz un tanto masculina e outro de mozos coa voz un tanto feminina secundaron a marcha cos seus bailes.

Tras un percorrido pola meirande parte das rúas do centro do pobo, o escenario da Praza Maior agardaba para dar a benvida oficial ao Entroido. Nin máis nin menos que Carmen Sequeiros, que aos seus 77 anos sabe ben o que significa esta festa, foi a encargada de ler o pregón, acompañada polo seu neto. Tal e como amosaba nos intres previos ao desfile, o importante para dona Carmen "é facer desfrutar aos veciños", de aí que non se amosara nerviosa de asumir tan distinguido papel. "Toca disfrazarse, divertirse e troulear!", clamou a pregoeira na Praza.

Pero o máis importante estaba por chegar. Colocados no escenario á fronte dos seus veciños, Paquita, Nicanor e seu fillo, acompañados polos seus peculiares compañeiros de desfile, tiñan que aclarar a súa situación. Había que ser sinceros, de aí que os "señores" e as "señoras" comentaron algunhas das súas falcatrúas extramatrimoniais dos últimos meses nunhas regueifas que fixeron botar unhas cuantas gargalladas entre os asistentes. Pero o amor está aí, e nun Entroido tan romántico como o que vén de comezar -recordemos que o vindeiro sábado é San Valentín- Paquita e Nicanor deixaron de lado as súas diferenzas pasadas e fundíronse nun bico ante a ledicia de toda a vila. Os tres mecos permanecerán estes días pendurados na Praza Maior e arderán o día do Enterro da Sardiña.

Seixalbo xa respira Entroido polos catro costados, e toma forzas para a que será unha fin de semana, a vindeira, cargada de música, comida e boa festa. Había necesidade de troula despois dun longo ano, e Seixalbo nunca falla.

Te puede interesar