Tribuna

O símbolo ferroviario da cidade

A laboriosa operación de traslado da gran máquina de vapor mailo vagón auxiliar dende os antigos talleres da estación supuxo un enorme esforzo polas grandes dificultades técnicas

A pesares da escasa existencia en Galicia de vellas locomotoras de vapor que, noutros tempos, percorreron a nosa fermosa xeografía, na actualidade estanse a levar importantes labores tendentes á recuperación e conservación de todas aquelas que circularon pola nosa comunidade. Así, de xeito concreto, o Museo Ferrocarrileiro “John Trulock”, dependente da Fundación Cela, mailo seu homónimo o Museo do Ferrocarril, con sede en Monforte de Lemos, realizan unha importante labor de restauración e posta en funcionamento deste importante e lembrado legado do pasado.

O xornal La Región do 23 de xullo do ano 1976 da conta da colocación, por parte do Concello de Ourense, dunha locomotora modelo Zaragoza A fronte a Estación Empalme, en lembranza e homenaxe da cidade das Burgas ao querido colectivo de ferroviarios e veciños asentados na populosa barriada da Ponte. A laboriosa operación de traslado da gran máquina de vapor mailo vagón auxiliar dende os antigos talleres da estación cara ó seu emprazamento actual no remate da rúa de Xesús Pousa na confluencia con Gómez Franqueira, supuxo, nese intre, un enorme esforzo polas grandes dificultades técnicas a superar, fundamentalmente polo enorme tamaño da gran locomotora mailo seu peso, unhas setenta toneladas e media aproximadamente, sen esquecer a laboriosa colocación de esta sobre os carrís situados por riba da calzada.

A vella máquina de vapor, datada no ano 1927, pertenceu á compañía dos Ferrocarriles Centrales de Aragón, que foi quen a mandou construír conxuntamente con outras tres unidades máis, todas das mesmas características técnicas: ancho de vía 1.674 mm, modelo 240, nome 240-2072, construcións Tubize, sendo o seu número de referencia o 2047, sómente conservándose na actualidade dúas das tres construídas: a da Ponte maila que se atopa permanentemente exposta no Museo do Ferrocarril, situado na localidade catalana de Vilanova i La Geltru.

Antes da súa instalación no emprazamento actual, o propietario, o Concello de Ourense, financiou un laborioso proceso de restauración da vella locomotora de igual modo que a do vagón auxiliar (carboeira), labor no seu día demandada pola Asociación de Amigos do Ferrocarril e veciños da zona, consistente fundamentalmente na limpeza do soporte, a rexeneración dos elementos de ferro, a substitución da chapa oxidada así como a reparación total da caldeira maila sala de máquinas, ademais da protección integral de todo o conxunto mediante a técnica da aplicación de pintura e vernices anticorrosivos para deste xeito devolver ao monumento a súa forma orixinal.

O símbolo ferroviario exposto, aparte da súa función de ornato, constitúe unha excelente mostra da enxeñería existente na época, ademais dun permanente símbolo de agradecemento da cidade das Burgas a un importante colectivo de persoas conxuntamente cos demais membros da entidade ferroviaria que, no seu día, co seu esforzo e tesón ao fronte destes dragóns de ferro, souberon traer o benestar no só para a cidade de Ourense, senón tamén para todo o resto de Galicia.

Esperemos que tralo paso dos anos e ante o evidente deterioro actual deste símbolo ferroviario, o Concello de Ourense ou quen corresponda afronte axiña a súa demandada e desexada restauración en evitación da perda deste importante documento ferroviario.

Te puede interesar