A suite sonora de libros de Isabel Pintado Palacio

Cadros e libros de artista nos exhibidores acristalados.
photo_camera Cadros e libros de artista nos exhibidores acristalados.

Viste as súas obras de luz, e esta, consentida, ábrese dirixida dende as transparencias matizadas facendo que cada cadro se transforme dende o fondo nun proceso visual, que é sensorial. A artista madrileña-coruñesa dispón series en azul e en verde construíndo estados de ánimo con sinestesias que funcionan visualmente como ese conxunto de datos que se introducen nun sistema informático, o “input”, provocando unha predisposición dende os códigos cromáticos. Azuis os do Atlántico, verdes os da terra galega, vermellos e grises no interior e, co marelo, o oasis, tan necesario. Así na “A vida pola xanela”. Coloca as obras xuntas, vestíndoas cun contraste de complementarios, que resume nunhas obras de fusión, co cálido vermello enseñorándose, en clave áurea, do espazo dos libros, en maxistral conclusión de opostos. Eis un gozoso camiñar co ar da vida, e o libro como suxestión. Así na sala 0 do Centro cultural da Deputación de Ourense, que centra un políptico que vai do carmesí e laranxa ao azul, pasando polo verde e o branco, cores que asocia a Galicia e os autores da “Xeración Nós”. É pintura sensitiva a de Isabel Pintado, dende os achados que fai das súas pescudas, debuxando coa cor, diluíndo contornos até desdebuxar o motivo, en pos dise mar de sensacións, cidade, bosque, libros..., lugares comúns que nos achegan á intimidade buscada que conecte co espiritual e contemplativo da beleza. 

Unha pintura a súa sen figuras humanas, usualmente, decisión consciente que lle dá a liberdade necesaria para desenrolar as posibilidades das súas gamas cromáticas acrílicas e a óleo, aplicadas planas e con veladuras sobre a tela, facendo que apareza en estratos. Consigue deste xeito, coa superposición, unha suxestiva abstracción de raíz emocional, base da lectura dirixida que se manifesta nos motivos elixidos. Aquí son as amadas formas dos libros, tema benquerido da autora, quen xa o tratara en 2009 para unha mostra en Ferrol; e na itinerante “Cara oculta dos versos”, 2016, que concluía na Casa de Galicia / Madrid, 2018, transformada con “libros intervidos”. Moitos deles están aquí, dedicados a Luz Pozo, Eva Veiga, Chus Pato ou Lois Pereiro, con Risco e Otero, entre outros. E con eles “Natureza haiku” de Olga Patiño, carpeta que firma coa gran escultora Soledad Penalta, unha colaboración na que Pintado fai un gravado, arte na que Isabel, licenciada na Complutense, levara mención de honra. Un sobranceiro libro de artista. Entre a realidade poética e a poética da realidade, como dixo Paco López-Barxas en enxeñosa e afortunada frase naquela exposición madrileña.

Mar de libros

Naceu da inspiración no Centenario do primeiro número de “Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega” o 20 outubro 1920, realizando unha exposición no Museo do Pobo Galego a finais de 2020, comisariada de Antón Castro. En paralelo no Museo Gaiás, Cidade da Cultura, exhibíase a magna mostra dedicada á “Xeración Nós”, que se prolongou até 2021, ano no que recalou entre nosoutros, versión 2.0. O círculo péchase agora en que este mar chega finalmente a Ourense, casa maioritaria do grupo de intelectuais da Xeración, para desfrutala como un valor en si mesma, nunha aposta polo libro como formato, medio no que Galicia acadou con todos eles a madurez intelectual. É o ADN da nosa identidade. Marabilloso, Isabel.

Te puede interesar