Políticos e expertos en Turismo reproban o maltrato que recibe Ourense

Suspenso unánime á guía 'España es cultura'

Imaxe da páxina con algúns dos resultados referentes á provincia de Ourense.
A iniciativa turística do Ministerio de Cultura, 'España es cultura', non deixou moi bo sabor de boca entre os axentes políticos e turísticos da cidade, que consideran que deixa fóra puntos de interese de importancia. 'Como en moitas páxinas deste estilo, ofrecen unha información pouco precisa'. Son palabras do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, que califica o proxecto como 'pouco elaborado'. Para el, 'non recolle a riqueza cultural e paisaxística da provincia'. Co senador coincide o deputado popular Celso Delgado afirmando que 'existen carencias con pouca xustificación'.
A iniciativa, que pretende servir de guía turística e amosar a cultura do conxunto estatal, contén 68 puntos de interese referentes a Ourense do total de 7.334 que recolle en toda España. Entre eles, bótanse en falta algúns como o castro de San Cibrao de Las ou os parques naturais do Xurés, O Invernadoiro e a serra da Enciña da Lastra. Dende o Ministerio de Cultura, encargado último dun proxecto desenvolvido pola sociedade estatal Segittur, aseguran que a páxina web se atopa en 'constante enriquecemento'. Con todo, dende que a ministra Ángeles González-Sinde presentara a iniciativa o pasado 30 de xuño, as cifras de cada unha das 52 provincias españolas continúan sen variación.

Deste xeito, aínda que as fontes ministeriais confirman o proxecto de ampliación 'paulatina' de novos recursos, polo de agora non manexan prazos para incluir novos puntos de interese, como son museos, monumentos, obras de arte, artistas e creadores, rutas ou propostas de viaxe, entre outros. En canto ós criterios de selección dos recursos que si aparecen, o Ministerio de Cultura argumenta que foron introducidos os 'máis significativos' de cada Comunidade Autónoma. Na actualidade, serían os gobernos de cada unha delas os que participan desta ampliación, aínda que a Consellería de Cultura non confirma este dato.

No Inorde aseguran que non é un caso illado e o seu xerente, José Manuel Rodríguez, sostén que 'un dos grandes problemas do ministerio é que nunca entran en contacto cos organismos provinciais'. De facelo, 'poderiamos indicarlles cales son os puntos de maior importancia', afirma Rodríguez. Aínda que para o responsable do Máster de Turismo do Campus, José Antonio Fraiz, a páxina é unha 'boa iniciativa', cre que ten que 'seguir mellorando'. Respecto ás carencias que presenta o proxecto, considera que radican nunha falta de coordinación coas institucións locais porque 'son elas as que saben que recursos hai que promocionar'. Xa por último, Xosé Manuel Pérez Bouza engade que, ademais de botar en falta moitos elementos, a páxina 'España es cultura' incurre en erros na toponimia, sinalando casos coma as referencias ó 'Monasterio de Osera' ou a igrexa de 'San Ginés de Francelos'.

Te puede interesar