Arte et Alia

Tigres coma cabalos ou cabalos coma tigres

Pormenor contra as fiestras da fachada.
photo_camera Pormenor contra as fiestras da fachada.

Está na Biblioteca Pública “Nós” de Ourense “Tigres como cabalos”, un proxecto de fotografía de Xulio Gil, e poemas de Xela Arias. Ambos modos de expresión comparten as paredes perimetrais do primeiro andar da nova biblioteca estatal ourensá. Chega nunha itinerancia, dende Vigo/Museo do Mar, e Santiago/Museo do Pobo Galego, promovida pola Xunta de Galicia, coa implicación das secretarías xerais de cultura e política lingüística, con Anxo Lorenzo e Valentín García á fronte, respectivamente. Con anterioridade fixérono con Asinamos ser libres, por doce concellos de Galicia, e que estivo aquí o pasado outono. Está a ser pois unha acción que move os marcos do tradicional Día das Letras Galegas, desta volta dedicado a aquela poeta e tradutora, de curta e intensa vida (1962/2003), e que tanto se está a coñecer dende a súa escrita e as múltiples imaxes dos arquivos da familia e do propio Xulio Gil. A exposición en gran formato do contido do libro débese ver como algo natural dende a súa publicación en Vigo, 1990, comezando as mostras en marzo, para visitar sucesivamente A Coruña, Lugo, o museo municipal de Ourense, e Baiona, Pontevedra, provincia onde se xestou esta colaboración interartística fulcral, que tan viva está aínda nesta segunda xuventude. En Teis, no estudo do director teatral Maximino Keyzán, foise erguendo o edificio fotográfico, no que participaron actores do seu grupo e “amigos, amigas e amigos de amigas e amigos”, en palabras de Xulio.

Darío Gil Arias e Xulio Gil na inaguración.

Inaugurada uns días antes do Nadal, pasa polo Aninovo e Reises deste ciclo neste paradigmático e iluminado espazo de conversacións mentais dos universitarios e usuarios cotiás, que enchen as mesas con lecturas e estudos. Dende as vinte catro obras de cadanseu creador, saen os corenta e oito paneis que comparten cada un deles foto e poema, ámbolos dous sistemas de representación da realidade. Hai neles unha equivalencia entre os seus mundos nun tempo en que comezaban a compartir inquedanzas e vida en parella, unha confluencia, por máis que no proceso de elaboración houbera unha independencia. As fotografías impoñen unha lei visual de gran predicamento, mais non debe esquecerse o peso dos textos, do que resulta así un proxecto no que nin estes son un apéndice daquelas nin as fotos ilustran os poemas. Mais como hoxe se destaca nas capas da reedición libro, o corpo convértese nunha linguaxe, poñendo o foco nestes espidos masculinos ou femininos de finais dos anos oitenta, unha perspectiva de xénero non tradicional, como sinala o profesor Xosé Lois Gutiérrez. Xulio é pois quen de engancharse ao tren da modernidade e feminismo nesta teatralizada serie fotográfica en B/N de corpos en liberdade, co que entra na historia da arte galega, palabras do profesor Buxán nun artigo do pasado maio. Esta igualdade de concepto fixo que non houbera paxinación na publicación, nunha hibridación sincrónica transgresora cun respecto mutuo. E velaí aboia o título, unha escolla da poeta: Xela é do ano do tigre e Xulio do ano do cabalo. Este 2022 volve a ser Ano do Tigre, o Tigre de Auga, dende o 1 de febreiro...

Te puede interesar