Toén non revoca a actualización do IBI porque “sería saltarse la ley”

O pleno extraordinario do Concello de Toén celebrado onte pola mañá rexeitou revocar a actualización do Imposto sobre Ben Inmobles (IBI) xa que, segundo o seu alcalde, Ricardo González, “no es una competencia municipal y no cobrarlo sería saltarnos la ley”. O PSOE, grupo que propuxo celebrar este pleno extraordinario, cataloga de “catastrazo” a maniobra do PP, e indican que o seu único fin é “recadar cartos a esgalla”.

A polémica formouse por unha recente actualización do IBI, que terá efectos retroactivos ata 2018. O PSOE pediu que “se cobre neste 2022 a actualización, pero nunca con carácter retroactivo dende 2018”. A voceira socialista, María Alida Iglesias, fixo fincapé no “enfado da veciñanza” polo “gran desembolso económico que terán que facer as familias”. Ademais, tamén solicitaron que se permita facer un fraccionamento do pago para “aliviar a contía económica a que os veciños terían que facer fronte nun único pago”.

Esta revisión chega tras 11 anos sen que se revisaran os valores das fincas. Ademais, non se fixo unha revisión xeral, senón que se reevaluou o valor catastral por adaptación dos bens á súa natureza urbanística, isto é: fincas que estaban catalogadas como rústicas e realmente eran urbáns, o que incrementa o seu valor. González explica como se lle comunicou ao Concello esta revisión: “Lo que nos solicitaban era que efectuásemos el cobro del IBI y que atendiéramos a los vecinos que tuviesen dudas”.

Dende o grupo popular, o alcalde manifestou que “no podemos dejar sin efecto esa retroactividad porque no es una competencia municipal, se tiene que hacer por ley y es algo que nos ha venido impuesto”. Deste xeito, amosouse claro e asegurou que: “Nos están proponiendo votar una ilegalidad y no podemos hacerlo”. Con todo, González asegura que comparten co PSOE que esta revisión catastral “llega en un momento terrible”. A González o pleno pareceulle un “auténtico despropósito” porque “no tiene sentido votar algo que es ilegal. Y voy más allá, aunque votáramos a favor, como no tenemos competencias, el efecto sería nulo”. Por isto pediron ao PSOE que non solicitara este pleno extraordinario, aínda que os socialistas decidiron seguir adiante coa súa proposta. Por último, o rexedor amosouse sorprendido polo “descoñecemento” do PSOE, xa que “el fraccionamiento que piden se puede hacer siempre con cualquier impuesto, no solo en este caso”.

Ata os 10 euros os recibos exentos

Dende o Concello ampliaron dende os 3 ata os 10 euros os recibos exentos de pagar este tributo. “Esto es lo único que podemos hacer nosotros a nivel municipal”, explica o alcalde. Deste xeito, calquera propiedade dun valor máximo de 2.000 euros non pagará IBI. 

Te puede interesar