PLENO NA DEPUTACIÓN

A totalidade dos acordos do pleno da Deputación

Dende o apoio ao Ateneo de Ourense ata os centros de formación da muller

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

APOIO AO ATENEO DE OURENSE

1º.- Instar á Xunta de Galicia a dispoñer, como titora do Ateneo de Ourense, un local para a exposición das obras  de arte así como un salón de actos para a continuidade da actividade cultural da entidade.

2º.- Solicitar da Xunta de Galicia que colabore, como titora do Ateneo, no mantemento das súas actividades.

3º.- En tanto non se resolva o emprazamento definitivo do Ateneo nunhas dependencias dependentes da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense manifesta o seu compromiso de poñer a disposición do Ateneo de Ourense unhas instalacións provisionais.

APOIO AOS CONCELLOS AFECTADOS POLA AGRUPACIÓN DAS OFICINAS DO REXISTRO DA PROPIEDADE

A Deputación de Ourense ten como obxectivo prioritario a  cooperación e a colaboración cos concellos para o mantemento dos servizos públicos nas zonas rurais da nosa provincia, que abarcan máis do 80 % do territorio e nas que residen preto de 130.000 ourensáns, que teñen o mesmo dereito que os habitantes de vilas e cidades a gozar, en igualdade de condicións, duns servizos públicos de calidade.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MELÓN EN MATERIA DE XESTIÓN RECADATORIA

Aceptar a delegación de competencia efectuada polo Concello de Melón a favor da Deputación Provincial, mediante acordo o 29 de agosto de 2016, exclusivamente no referido á competencia para a recadación executiva do imposto de bens inmobles (IBI) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) do Concello de Melón.

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE CERTIFICACIÓNS DE NATUREZA CATASTRAL POLOS SERVIZOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE (BOP N.º 164, DO 18 DE XULLO DE 2012)

1º.- Aprobar inicialmente a modificación do artigo 8.1 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de certificacións de natureza catastral polos servizos da Deputación Provincial de Ourense.

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación mediante o impreso que se facilite nas oficinas do Servizo de Recadación da Deputación. Con este impreso o interesado realizará o ingreso en calquera das entidades bancarias colaboradoras que se indiquen na autoliquidación ou a través da pasarela de pagos da sede electrónica da Deputación Provincial. Un duplicado da autoliquidación cobrada unirase ó escrito presentado.

2º.-  Someter esta modificación da ordenanza a información pública e audiencia dos interesados,  de conformidade co disposto no artigo 17 do RDL 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, polo prazo de 30 días hábiles, mediante anuncio que se publicará no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no taboleiro de edictos da Corporación en nun diario dos de maior difusión na provincia. 

SOBRE A TRAMITACIÓN E APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO DE 2017

A Deputación de Ourense insta aos grupos políticos con representación parlamentaria nas Cortes Xerais a:

1. Sentar as bases e alcanzar os acordos necesarios que permitan chegar á aprobación definitiva da Lei de orzamentos xerais do estado para o exercicio 2017.

2. Impulsar un amplo acordo para lograr a reforma do financiamento local que cumpra coas expectativas dos gobernos locais reclamadas ao longo do tempo.

Para o seu coñecemento, acórdase finalmente trasladar esta petición á Vicepresidencia do Goberno de España, ao Ministerio de Facenda e Función Pública, aos portavoces dos grupos parlamentarios do Congreso e do Senado e á Xunta de Goberno da FEMP.

ESTUDO DA VIABILIDADE DE IMPLANTACIÓN DUNHA TAXA POR OCUPACIÓN DE DOMINIO PÚBLICO LOCAL ÁS LIÑAS DE TRANSPORTE ELÉCTRICO, OLEODUTOS, VIADUTOS E OUTROS

A Deputación de Ourense asumirá o encargo de elaborar un estudo de viabilidade da posible implantación da correspondente taxa pola ocupación do dominio público local  ás liñas de transporte eléctrico, oleodutos, viadutos e outros.

A Deputación de Ourense prestará asistencia e cooperación ós concellos que así o demanden para elaborar a ordenanza de implantación desta taxa, incluíndo os estudos necesarios, en cada caso, pola ocupación do dominio público local  ás liñas de transporte eléctrico, oleodutos, viadutos e outros.

APROBACIÓN DO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES PARA O COFINANCIAMENTO DA SUBMINISTRACIÓN DE LICENZAS DUN SISTEMA INTEGRAL DE XESTIÓN ELECTRÓNICA DE PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS

1º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas e instalación e posta en funcionamento dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos durante os exercicios 2017 e 2018.

A adquisición da licenza implicará a adquisición do dereito ás seguintes prestacións por parte dos concellos:

1º) A subministración do software e a instalación da plataforma nos seus equipos informáticos para o seu uso na xestión integral da totalidade dos procedementos administrativos que tramiten, así como para o arquivo electrónico dos correspondentes expedientes. A instalación será realizada por técnicos de T-SYSTEMS, coa colaboración do persoal municipal, e baixo a supervisión dos servizos provinciais.

 2º) A impartición de formación ao persoal municipal que permita o coñecemento e uso da plataforma tanto dende o punto de vista operativo como técnico (isto último, no caso de que o concello dispoña de persoal técnico). A formación irá destinada tanto aos usuarios especialmente relevantes que sinale o concello como ao persoal técnico informático, de existir. A formación impartirase de xeito agrupado co persoal doutros concellos, conforme ao proxecto de implantación que aprobe a Deputación.

 3º) O soporte, asistencia técnica e mantemento necesario durante un prazo de dous anos, computables dende a aprobación da adhesión, e prorrogables por dous máis coa conformidade do concello.

CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER

1º.- Instar á Xunta de Galicia para que configure unha rede autonómica integral, permanente, equilibrada e sostible de Centros de Información á Muller, para garantir a atención ás mulleres en toda a provincia.

2º.- Instar á Xunta de Galicia para que faga unha dotación económica suficiente para o bo funcionamento destes centros, que garanta as necesidades de persoal e mantemento das instalacións que os concellos poñan a disposición dos CIM3 e que teña continuidade e estabilidade máis alá do horizonte temporal, fixado para o ano 2020, do Fondo Social Europeo.

3º. Crear unha liña de axudas que, de xeito estable e permanente, dote de recursos aos concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista, e para que todos os concellos da provincia contén cun Plan de Igualdade de oportunidades municipal. 

SOBRE A DECLARACIÓN DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE

1º.- Esixirlle á Xunta de Galicia o inmediato remate dos trámites pendentes para a declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural e o inicio das xestións ante o Ministerio de Cultura para a declaración como Patrimonio da Humanidade.

2º.- Instar ao Goberno de España para a axilización dos trámites da súa competencia.

3º.- Reclamarlle ao Valedor do Pobo un informe sobre os atrasos que está a sufrir o documento que se usará como base para a candidatura da Ribeira Sacra.

RESOLUCIÓN DE ALEGACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DA RPT 2017

1º) Resolver as alegacións formuladas contra a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017.

2º) Aprobar definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017, conforme co documento aprobado inicialmente no Pleno de 30 de setembro de 2016, coas modificacións recollidas no apartado anterior, ordenando a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación Provincial, e a súa remisión á Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Te puede interesar