Campus de Ourense

A UVigo tramita a construción do novo edificio de Aeroespacial en Ourense

Consello do Campus de Ourense, onte.
photo_camera Consello do Campus de Ourense, onte.

O Campus de Ourense tamén porá en marcha os dobres graos vencellados a Enxeñaría Agraria

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, informou onte sobre o procedemento para a construción do novo edificio de Aeroespacial. “Estamos agora mesmo facendo algunhas modificacións e preparando o prego para que se comece a construír o antes posible”, sinalou a este respecto. Reigosa presidiu a sesión ordinaria do Consello do Campus de Ourense,  que tivo como protagonista o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado o pasado mes por parte da Xunta. Na sesión, os membros deste órgano coñeceron as liñas xerais da folla de ruta para o seu desenvolvemento este ano. 

O vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, expuxo en liñas xerais as actuacións previstas en gobernanza, docencia, investigación e transferencia e innovación que recolle a acreditación do Campus Auga. Así, no eido da gobernanza enumerou aspectos como fortalecer a estrutura de goberno e en docencia a posta en marcha dos coñecidos como dobres graos, citando, entre outros, os de Enxeñaría Agraria-Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Agraria-Ciencias Ambientais. No eido da investigación, Francisco Javier Rodríguez comentou medidas que se contemplan como o fortalecemento das infraestruturas e en transferencia e innovación a elaboración dunha carteira de servizos.

O vicerreitor lembrou que as liñas de especialización do Campus Auga céntranse na xestión da auga termal; na agricultura e medio ambiente; na alimentación funcional e en áreas de soporte (como son a intelixencia artificial, economía circular e lexislación). Igualmente fixo un repaso polas titulacións de grao, mestrado e doutoramento e polos grupos de investigación e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación que xa sustentan na actualidade estas liñas.

“Galego de tranquis”

Por último, neste Consello de Campus tamén interveu Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, para explicar as accións que está a desenvolver a Área de Normalización Lingüística, en concreto sobre a campaña de fomento do galego entre o alumnado que está realizando este curso académico baixo o lema “Galego de Tranquis”.

Te puede interesar