Varios actos lembran hoxe a Eduardo Blanco Amor

Actos no cemiterio de San Francisco, a Alameda e o Liceo serven hoxe de homenaxe á figura do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor. A xornada está organizada por Pen Clube Galicia e nela participarán, entre outros colectivos, estudantes, profesores e representantes políticos.

O Pen Clube Galicia organiza para hoxe unha xornada de homenaxe a Eduardo Blanco Amor. Así, os actos arrincarán ás doce do mediodía no cemiterio de San Francisco onde se fará unha lembranza do escritor e unha ofrenda floral.
No acto participarán Luis González, presidente de PEN Galicia; Clotilde Iglesias, discípula de Blanco Amor; Isabel Pérez, concelleira de Cultura; Alexandre Sánchez Vidal, tenente de alcalde, e José Luis Baltar, presidente da Diputación. Alumnos de diferentes institutos lerán os seus traballos.

Pola tarde, ás cinco, alumnos do Instituto Blanco Amor farán unha homenaxe diante da estatua do ourensán, ubicada nos xardíns da Alameda. Nela intervirán Xosé Luis Díaz, director do centro, e o historiador Marcos Valcárcel. A xornada de homenaxe rematará as sete e media do serán coa presentación no Liceo do libro ’Ars Amandi’. Desta volta, as persoas que intervirán no acto serán o profesor de Literatura galega Luciano Rodríguez, Luis Pérez, estudoso da obra de Blanco Amor, e José Luis García, poeta crítico e profesor.

Estes actos contan coa colaboración da Editorial Galaxia, o Instituto Blanco Amor, a Concellería de Cultura, a Diputación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Te puede interesar