Veñen pra quedar… ou resistir

photo_camera Así é o ensaio das pandereteiras da Escola de Música de Vilavidal. O éxito das Tanxugueiras poñen o foco estes días na música tradicional galega.
O recente éxito das Tanxugueiras no Benidorm Fest fixo que moitos puxeran a súa ollada na música tradicional galega. A realidade ofrece unha imaxe de subsistencia dos grupos pola enorme dedicación dos seus integrantes.

A música tradicional galega está a vivir un proceso de revitalización e de pulo mediático tralo recente éxito das Tanxugueiras no Benidorm Fest. Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro puxeron de manifesto que a nosa música pode ser recoñecida a nivel internacional polo gran público, algo do que, na actualidade, está bastante lonxe. A realidade que viven os centos de agrupacións de música e baile tradicionais en Ourense é case de supervivencia. Integrantes e directivos adican “moito máis tempo do que semella” a que estas asociacións poidan subsistir e legar aos máis novos unha das partes fundamentais da nosa cultura, sumado ademais a un apoio instucional “máis ben escaso” e que depende en gran medida das inciativas privadas. Cinco directores de asociacións -Rebulir (Ramirás), Solpor (Celanova), Candaira (Castrelo do Val), Abertal (A Rúa) e Celavella (Celanova)- reflexionan sobre o duro que é xestionar e facer durar este tipo de agrupacións, especialmente afectadas pola pandemia.

Rebulir

Alexandre Sotelino, o director deste grupo de Ramirás, destaca que a pertenza a unha agrupación tradicional ten dúas partes: “a formativa, que consiste en aprender da nosa tradición; e a comunitaria, xa que non deixa de ser unha forma de xuntarse con xente que ten os mesmos gustos ca ti e arredor de algo tan bonito como é tocar, cantar e bailar”. “Creo que hai público e demanda, se non a tivera xa estaría morta e a música tradicional está moi viva”, conta Sotelino, que engade que “as Tanxugueiras non descubriron algo que non existía, senón que son o froito do bo traballo dos centos de asociacións que hai por toda Galicia. Son máis unha consecuencia que unha causa”.

Sobre o efecto que as Tanxugueiras tiveron nunha escola que ten máis de 100 alumnos, aínda coa caída por mor da covid, explica que “tivemos moitas chamadas, sobre todo porque tamén aproveitamos a sacar unha matrícula especial en xaneiro. Aínda queda ver en que cristaliza todo isto, porque unha cousa é ter unha pandeireta e outra tocala”. En moitos casos o problema reside “na constancia e na responsabilidade que hai que ter ao pertencer a unha asociación”.

“Aínda que nós non temos problema coa colaboración institucional, é certo que tes que chamar a moitas portas e insistir moito para lograr que as cousas vaian para adiante”, subliña Sotelino, que argumenta que é “un problema engadido ao da falta de tempo e, agora, tamén ao covid”.

 

Ramirás 12/2/22
Curso de pandereteiras de Rebulir en Vilavidal,impartido por la profesora Alba Faro

Fotos Martiño Pinal
Unha profesora explica como interpretar unha peza ás alumnas (Foto: Martiño Pinal)

Solpor

Raúl Alonso, responsable do grupo celanovés, que conta cunha traxectoria de máis de 40 anos, salienta que “o grupo pasou por fases de moita importancia e outras de case desaparición, e agora estamos tratando de volver a coller forza”. Alonso lamenta que a nosa música “non teña o trato que merece”, algo que “debería inculcarse dende as escolas para que teñan máis presente a nosa cultura”. “Cando vas tocar, ves que a xente de fóra ou mesmo os retornados lle dan moito máis valor ca os que estamos aquí, que o temos máis asumido coma un costume”, subliña.

Un dos bailaríns que acompañaron ás Tanxugueira foi Artur Puga, profesor de baile e percusión en Solpor, polo que Alonso cre que “todo ese pulo mediático vainos axudar a visibilizar o traballo que realizamos aquí”. Ademais, Aida, Olaia e Sabela revitalizaron aos máis novos da escola, que agora “presumen máis e veñen máis contentos a clase”.

Candaira 

Ramón López dirixe este grupo de música tradicional que estivo “ao bordo de desaparecer” pero que agora conta con 25 persoas, nun concello pequeno e rural coma Castrelo do Val. “A xente ve isto como algo típico e que se mantén pero que non sabe polo que pasamos a xente que o vivimos”. Aínda que non tiveron ese efecto chamada das Tanxugueiras, “en Verín xa se ve como hai moito máis movemento e se está anotando bastante xente”, aínda que recoñece que “vivimos intensamente o festival polo noso grupo de WhatsApp e ao chegar a clase non se falaba doutra cousa. O certo é que foi un subidón moi importante”.

Abertal

Manuel Durán leva máis de 30 anos estando “moi orgulloso” de pertencer a Abertal. Destaca que na zona de Valdeorras sempre acolleron “xenial” esta iniciativa, que medrou dos 9 aos 80 rapaces en apenas un ano, e que mantén esas cifras -“con picos altos e baixos”- dende a súa creación, sendo referencia a nivel provincial e galego. Esta agrupación abrangue todo o espectro relacionado coa música na súa escola (baile, percusión, gaita, pandeireta…) ademais de ter un coro. A iniciativa privada sempre foi o que sostivo a este grupo, aínda que destacan a colaboración co concello do Barco de Valdeorras. “Sempre organizabamos unha romería ao pé dunha chopeira, pero cortaron a árbore e non imos facela a pleno sol en agosto”, lamenta, aínda que “estamos na busca doutro emprazamento para retomar esta actividade”.

Durán destaca que “é fundamental deixar paso á xente nova. Os anos pasan e xa non teño as mesmas forzas, pero gustaríame que todo isto siga despois de min”. O certo é que o futuro de Abertal está en boas mans, xa que moitos dos que empezaron hai anos son agora profesores que continúan traballando para inculcar os valores da tradición nos máis cativos.

Celavella

Silvia Rodríguez é unha das cinco integrantes do grupo de pandeireteiras Celavella, grupo que comezou coma un obradoiro organizado polo Centro Sociocomunitario en 2008, e constituíuse como grupo no 2013. Rodríguez indica que ese “mantra” de que a música galega non ten tirón “é relativamente certo”, xa que “ás foliadas e aos concertos asisten os participantes e persoas que os acompañan como familiares ou amigos, pero hai moi pouco público xeral, sobre todo en Ourense”. Lamentan a pouca implicación das institucións e o pouco espazo que ten a música tradicional nas programacións culturais municipais “máis alá dos Carlos Núñez ou Xabier Díaz, non se aposta polos grupos pequenos e é unha mágoa”.

Rodríguez conta o laborioso que é manter estas asociacións “porque non son o noso traballo e implican perder moito tempo”, aínda que recoñece que “ao final falo pola satisfacción persoal e para que isto non morra”.

Te puede interesar