CULTURA

Unha viaxe polos versos de Manuel María

photo_camera Público asistente ao espectáculo de FalaRedes, no Auditorio.

Nenos, pais e avós déronse cita onte no Auditorio para bailar e cantar algúns dos poemas de Manuel María. Os encargados de marca o ritmo foron Uxía Senlle e Magín Blanco, que inauguraron así o programa FalaRedes 2016. 

A s luces apagáronse. Só as voces de Uxía Senlle e Magín Blanco, acompañados de Santi Cebreiro ao acordeón, iluminaban o patio de butacas da sala azul do Auditorio Municipal, onde nenos, pais e avós disfrutaron onte do espectáculo musical "Todo me fala de ti".

A quinta edición do programa de dinamización lingüística "FalaRedes 2016" escolleu Ourense como punto de partida para espallar por toda a xeografía galega a obra do poeta chantadino Manuel María, ao que este ano se lle adica o día das Letras Galega. O éxito foi tal que os máis cativos negábanse a que a música cesase cando chegou o momento de despedirse. De repente, comezou a xurdir una débil pero cada vez máis forte voz ao unisón que pedía "Outra, outra, outra". E así foi.

Os nenos e nenas ourensáns viaxaron durante 45 minutos pola obra do nado en Outeiro de Rei a través de diferentes estilos musicais como indie-folk ou pop, entre outros. Para romper o xeo, o trío musical elixiu un poema no que María evoca a natureza e a maxia do río. Xa a ritmo de vals, o público infantil afondou na faceta máis sentimental do poeta, que chegou incluso a adicarlle uns versos, cunha métrica precisa e envexable, a unha rosa feliz e riseira que destacaba das demais na roseira.
A medida que ía avanzando o espectáculo, os aplausos multiplicábanse. Entre medias, algún que outro berro que pronto se transformou en silencio cando comezou a soar unha animada peza adicada á "Señora Vaca". Foi a partir desta actuación, cando os espectadores se implicaron mais e comezaron a bailar e cantaruxear as verbas do escritor lucense chegando incluso a levantarse dos seus asentos. Os menos vergonzosos como Leila, una rapaza ourensá, animáronse a subir ao escenario para seguir disfrutando das composicións, recollidas no libro disco "Canta o Cuco".

O primeiro concerto da xira "Todo me fala de ti" coincide en data coa celebración por parte da Unesco do Día mundial das linguas maternas. Diferentes políticos e personalidades como o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o rexidor da cidade, Jesús Vázquez; a concelleira de Educación, Belén Iglesias ou o secretario de Política Lingüsítica, Valentín García, entre outros, non se quixeron perder esta oportunidade única para rendir homenaxe ao poeta e, sobre todo, para amosar o seu apoio á conservación e transmisión da lingua galega entre as novas xeracións. "Estamos tratando con nenos e o que pretendemos é promocionar entre eles o emprego da lingua materna", explicou Román Rodríguez.

Tamén tivo unhas emotivas palabras para Uxía e Magín, artífices deste espectáculo, patrocinado por Política Lingüística, co que se pretende dar a coñecer a obra en galego do poeta lucense dunha forma amena e lúdica. "Ámbolos dous están contribuindo a facer sentir aos xóvenes a importancia do galego", dixo.

Ourense despedíase, cunha cálida ovación, da edición deste ano de FalaRedes. Tralo o seu paso pola cidade das Burgas, tocaralle visitar outras 14 localidades galegas ata o mes de maio. n 

Te puede interesar