Escritor e xornalista

Xosé Lois Rúa: ‘A poesía é o meu xeito de expresarme emocionalmente’

Xosé Lois Rúa. (Foto: Xesús Fariñas)
Facendo uso do seu medio de comunicación emocional, Xosé Lois Rúa publica o seu cuarto traballo póetico, un libro con profundas connotacións intimistas.
Unha obra multitemática, repleta de homenaxes e escrita con toda a emotividade que Xosé Lois Rúa sempre imprime ás súas creacións poéticas. Despois dunha década gardada nalgún recuncho da súa casa, o escritor e xornalista saca a rúa a súa obra ‘Memoria dos ríos perdidos’, un libro cunhas connotacións máis persoais e intimistas que outros que xa se ten publicados pero, no fondo, ‘un libro máis’. E a bo seguro que non será o último.

¿Como se fragou esta nova obra póetica?

‘Memoria dos ríos perdidos’ foi editada por ‘Espiral Maior’ a raíz dunha proposta que lles fixen e que despertou o interese do seu director Miguel Anxo Fernán Bello. É un libro que leva escrito 10 anos e, realmente, non esperaba que se interesasen por el porque é un traballo moi íntimo e persoal, dirixido a amigos e amigas, pero aí está.

¿Que é, en palabras do seu autor, ‘Memoria dos ríos perdidos’?

Non é un libro unitario senon que recolle variedade de temas. É unha especie de homenaxe múltiple. Primeiro a unha serie de amigos que por algunha causa me serviron de inspiración, como Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, Marcos Valcárcel, Xosé Cid, Basallo, Campio ou Pura Vázquez entre outros. Tamén a vilas e cidades que significaron moito na miña biografía sentimental, tales como Santiago onde estudie, Ourense, o meu Campobecerros natal... Ofrece, asemade, poemas adicados ó pobo palestino, a Galicia e unha homenaxe tamén a poetas galegos, moi especialmente a Xosé Carlos Gómez Alfaro, compañeiro de estudios e que morreu o pasado ano.

Todo un tributo poético.

Eu exprésome a través da poesía. É do único xeito que me sei abir emocionalmente. A poesía para mín é unha necesidade vital. O xornalismo gústame pero é un medio para vivir, mentres que a poesía reflexa a miña necesidade de expresarme, é o meu vehículo de comunicación.

¿Esa é a recompensa que lle reporta traballar nun xénero tan minoritario?

A poesía é un xénero superminoritario, pero apórtame unha recompensa emocional. Eu escribo básicamente como unha terapia para que afloren os sentimentos que van por dentro. É un pouco contradictorio porque cando escribo non estou pensando no lector, pero cando o traballo xa está escrito quero que a xente o lea. De feito, despois de 10 ano parecíame terrible que ‘Memoria dos ríos perdidos’ estivera gardada sabendo que vai dirixida a tanta xente e tantos lugares.

¿Que será o próximo que vexamos de Xosé Lois Rúa?

O certo é que teño tres libros inéditos, dous de narrativa, un dos cales xa está rematado, e un poemario que hai dous ou tres anos que acabei. Aínda non ten título pero podería ser ‘O libro do desamparo’, unha memoria sentimental da zona do sur do Invernadeiro.


Te puede interesar