Un xuiz rexeita a expropiación de fincas no centro termal de Berán

O grupo municipal do PSOE de Leiro sinalou que o Xulgado Contencioso Administrativo número un de Ourense desestimou a alegación de inadmisibilidade do recurso ordinario 430/09, plantexada polo Concello de Leiro co fin de menoscabar os dereitos particulares dun veciño sobre un vial nas inmediacións do Balneario de Berán. O vocal socialista na Entidade Menor, Tomás Lorenzo, explica que o Concello quixo poñer unha traba a un veciño de Leiro á hora de exercer os seus dereitos, pero a Xustiza dalle a razón e o procedemento administrativo continuará con normalidade.
Ante este novo varapalo xudicial os socialistas consideran que o Concello non está a facer as cousas ben en canto ao Balneario de Berán, e piden máis transparencia. 'Sen entrar no fondo da cuestión, o que é inegable é que o alcalde e o seu grupo de goberno non están a facer as cousas ben', afirma Lorenzo. 'Deberían rectificar na súa forma de facer política ou deixar paso a quen ten como único obxectivo o interese xeral de todos os veciños', engadiu.

Pola súa banda, o alcalde, Francisco José Fernández, do PP, manifestou que aínda non tiñan notificación oficial encol do rexeitamento da inadmisibilidade do recurso, se ben o seu equipo de goberno avaliaría o seu contido cando a recibiran para estudiar as medidas pertinentes.

Te puede interesar