Xusto Calviño: "O xerme deste libro nace do afán do meu neto por escoitar as miñas historias"

Xusto Calviño.
photo_camera Xusto Calviño. (R.V.)
“Os contos do avó” é o novo libro de Xusto Calviño, que se publicará a finais de ano

Xusto Calviño é un veciño de Requeixo (Barbadás) que a finais de ano publicará o seu novo libro “Os contos do avó”, aínda que non é nin moito menos a súa primeira publicación. Xusto leva dende os 20 anos ligado á cultura e agora pretende tamén recuperar a actividade da asociación cultural “Música e Cultura de Galicia”, que preside dende a súa formación. Ademais, hai anos que Justo escribe tamén relatos e algúns xa foron premiados . Así,  “Después de la tormenta” foi seleccionado no certame anual da Federación de Funcionarios; “Media tarde en Quismayo” ou “Amanece en Quismayo”, que foi finalista nun concurso europeo, baseado nun linchamento por causas relixiosas nunha cidade de Somalia.

¿Que lle levou a escribir “Os contos do avó”? 

Teño un neto de 8 anos que pasou este verán comigo nunha aldea de Vilariño de Conso, e gústalle escoitar as miñas historias e coñecer anécdotas de todo tipo. Aínda que  sexa moi novo, encántanlle os temas históricos, os temas relixiosos ou a vida dos antigos. Así que dixen: de paso que lle estou a contar estas historias ao rapaz e teño tempo, vounas poñer por escrito.

¿Cantas historias conforman o libro?

Son 12 historias nas que se mesturan personaxes reais e fictícios. Por exemplo, como personaxes reais están Carmen Martín Gaite -a escritora premio Nacional de Literatura, que inmortalizou en parte da súa obra as súas longas estadías familiares en Piñor na década dos 50 e dos 60-, o escultor Antón Faílde Gago -veciño de Godexás durante a infancia-, o seu Mestre canteiro Montero -tamén de Godexás- ou mesmo o rei Salomón, entre outros. Ademais, tratándose dun libro que está un pouco orientado cara os preadolescentes, tiña que meter outros personaxes míticos como bruxas ou aspectos da vida dalgúns animais.

¿E como se unen todos estes capítulos?

Todos están ligados pola figura dun avó, de 94 anos, pero que ten unha extraordinaria lucidez, que lle vai contando estes relatos aos seus tres netos de 12, 10 e 8 anos, unindo así todas as pezas do libro.

¿Seu neto xa puido ler as historias?

Si, foi dos poucos que puido facelo. E gustáronlle.

¿Hai algún outro libro no horizonte?

O certo é que si. Teño xa rematado outro libro de relatos, pero dirixidos a un público máis adulto: “Onde está Shambala?”. Espero que saia o ano que vén, cunha temática é moito máis crúa e polémica, xa que trato temas como a violencia de xénero, a infidelidade ou a tortura.

Te puede interesar