Os populares e divertidos persoaxes farán o sorteo entre os seus seguidores en Facebook

Os Bolechas sortean 14 das súas novas coleccións de xoias

Algunha das xoias que forman parte da colección dos irmáns Bolechas.
Os Bolechas sortean estes días un total de 14 coleccións de xoias valoradas, cada unha delas, en 100 euros. En total hai dúas coleccións diferentes de cada un dos sete personaxes principais desta popular familia de divertidos persoaxes, que conta con numerosos seguidores en Galicia e que a semana pasada presentou a súa liña de xoias destinada aos máis novos da casa.
Para optar a unha das 14 coleccións elaboradas por Fink-orfebres é preciso ser seguidor dos Bolechas en Facebook e seguir unha serie de pasos moi sinxelos. Pódese acceder ao concurso desde a pestana 'Sorteos' de Facebook (www.facebook.com/osbolechas), desde a páxina web (www.osbolechas.com/xoias) ou directamente a través do link apps.facebook.com/sorteos_promociones/9078. Participar é moi doado, só hai que darlle ao botón 'Participar no sorteo' e seguir as indicacións: ser fan dos Bolechas, facilitar datos da persoa que participa e contar que xoia dos Bolechas é a preferida. Con iso obterase unha papeleta para o sorteo, pero pódense conseguir moitas máis publicando o sorteo en Facebook ou Twitter ou logrando a participación de amigos, aos que se pode invitar a participar a través das redes sociais, correo electrónico, etc. Cantos máis amigos participen máis rifas se conseguirá e... máis opcións de gañar un dos premios que se sortean.

O sorteo, que terá lugar unha vez finalice o concurso o vindeiro 4 de novembro ás 13.00 horas, farase automaticamente. Os gañadores recibirán un correo electrónico anunciándolles a boa noticia, que tamén se dará a coñecer na páxina web dos Bolechas.


EN 56 DESEÑOS

O catálogo completo, deseñado e creado por Fink-orfebres, está composto por 56 deseños diferentes entre aneis, pendentes, colgantes e pulseiras cos divertidos persoaxes creados por Pepe Carreiro.

Todas as xoias dos Bolechas están elaboradas en prata de primeira lei e esmaltadas a man en diferentes cores, e contan co certificado de garantía de Galicia Calidade, un selo que se lle dá a produtos que destacan pola calidade dos seus materiais e o coidado da súa elaboración.

Todas as xoias dos populares persoaxes poden verse na web oficial dos irmáns Bolechas www.osbolechas.com/xoias e os produtos da nova e divertida colección están dispoñibles nas principais xoiarías galegas.

Te puede interesar
Más en Sociedad