CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Celestino Alén Vázquez e a semente

A base dos negocios de Celestino Alén en Santiago del Estero tivo asento na Botica Española, no centro da capital.
photo_camera A base dos negocios de Celestino Alén en Santiago del Estero tivo asento na Botica Española, no centro da capital.
Disque era “de espíritu inquieto y emprendedor” e que abandonou moi novo o fogar, cousa que é tan certa como que naceu en Leiro, que asentou en Santiago del Estero (Arxentina) e que deixou unha semente que se codea na revista Forbes

A resolución, non tan sorpresiva do proceso electoral que acaba de sacudir a Arxentina levoume a desempoar a este ourensán de Lebosende (Leiro) que ós dezasete anos xa operaba de comercial de Ramón Santamarina e que ó pasar por Santiago del Estero, deciciu establecerse alí, facéndose farmacéutico, empresario e benefactor, intimando con expresidentes da república e deixando unha longa prole da que, co tempo, xurdiron os irmáns Bulgheroni Alén, que hoxe campan entre as familias máis ricas do país.

Por máis que tratei de afondar nas orixes familiares de Celestino Alén, co fin de corroborar as reseñas biográficas que apuntan a que procedía “de familia de alcurnia”, non logrei saber moito máis de Benito Ramón Alén -seu pai- ca que, por algunha razón que se me escapa, non fora incluído nas listas electorais cando en xaneiro de 1879 o médico Miguel Sotelo se quixo presentar para deputado a Cortes, e que en 1884 mantiña pleitos con varios familiares na Audiencia Territorial da Coruña, por “tercería de dominio” de 8 predios que, polo que ditou a Audiencia, seica non eran seus.

Non debería ser, sen embargo, moi deficiente a súa formación porque tan pronto asentou na norteña cidade arxentina de Santiago del Estero, logo comezou a impartir aulas e, a non moito tardar, en 1880 (nacera en 1858), a poñerse a estudar para ser farmacéutico e converterse en secretario do Consello de Hixiene Pública daquela que hoxe, con preto de un millón de habitantes, está considerada a cidade máis antiga do país.

A afortunada chegada  de Absalón Rojas -un dos seus primeiros amigos- á cúspide do goberno civil santiagués, xunto con un posicionamento social xa ben asentado gracias ós amores con Petrona Vieyra Contreras, filla de Robustiano Vieyra, un dos prohomes da capital, fixeron o resto para que o que sería simplemente unha prácida residencia naquela terra nórdica arxentina, subira un chanzo máis e o colocara na súa elite social.

Primeiro foi como director de Rentas do Goberno departamental e logo non só como empresario farmacéutico á fronte da “Botica Española”, que instalou na praza principal de Santiago, senón tamén como promotor da “Librería e Imprenta Española”, que montou a carón da botica e que lle deu a oportunidade de conxeniar e mesmo, en certos casos, intimar con algúns dos políticos máis importantes da Arxentina do momento, poñamos por caso a Bernardo de Irigoyen, dúas veces ministro de Relacións Exteriores, unha ministro do Interior, gobernador da provincia de Buenos Aires, senador e candidato a ser presidente da nación, posto que si alcanzaron outros dous seus amigos, coma Bartolomé Mitre, primeiro presidente da Arxentina xa unificada e fundador do periódico “La Nación”, así como co militar Julio Argentino Roca, que pasou á historia polas guerras fratricidas libradas contra os indíxenas e pola consecuente conformación dos límites actuais do país, chegando a ser presidente por dúas veces.

Loxicamente, con alicerces de tamaño talante resulta obvio recalcar que a Celestino Alén non lle fixo falla instalarse no cerne de Buenos Aires para ser considerado punto de referencia da política santiagueña -que, sen embargo, nunca exerceu de primeira man- e mesmo nalgúns casos en finandor de máis dunha carreira local.

Pola contra, centrou a súa actividade no comercio e na industria, promovendo iniciativas de producción agrícola que apostaron pola plantación de novos cultivos e pola súa distribución entre os máis necesitados; a rebotica e a imprenta-librería formaron parte do “sanedrín” cultural de Santiago, exerceu de corresponsal do diario “La Nación” e xamais esqueceu as súas orixes, non en van foi fundador da Sociedad Española de Socorros Mutuos e en terreos seus levantaron a súa sede social, o mesmo solar no que hoxe se atopa o edificio da Municipalidade, así como a oficina de Turismo, onde calquera pode preguntar como chegar á rúa que leva o seu nome.


Un bisneto historiador e outros dous, asiduos na revista Forbes, entre os máis ricos de Arxentina

En 1997 a revista Clarín descubriu a Carlos negociando no deserto cos talibán.
En 1997 a revista Clarín descubriu a Carlos negociando no deserto cos talibán.

Pero, se substancial foi o que Celestino Alén colleitou ó longo da súa vida en Santiago del Estero, máis importante foi aínda -no tocante ó éxito económico- a semente que pousou, xunto coa súa dona Petrona Vieyra, en forma dunha unidade familiar composta por catro fillos e outras tantas fillas que se foron multiplicando e espallando polo país ó albedrío das súas propias inquedanzas.

Do máis novo dos fillos, Luis Manuel, xerminou Luis Celestino Alén Lascano, fillo de Luís Alén García e “el historiador santiagueño más importante de la segunda mitad del siglo XX”, segundo afirmación da revista “Columna”. 

Autor dunha abondosa obra de carácter histórico e biográfico e político non peronista, o seu nome tamén forma parte do rueiro da súa cidade natal.

Por outra banda, do matrimonio de Celestino fillo con Amadea Vieyra naceu Mercedes Alén. E da unión desta co empresario italiano Alejandro Bulgheroni Botto viñeron ó mundo Alejandro e Carlos, en 1943 e 1945.

Enxeñeiro, o primeiro, e avogado o segundo, os dous creceron á calor da empresa “Bridas” que fundou seu pai, fabricando precisamente bridas para as instalacións da petroleira YPF.

No ano 2010, a compañía china “China´s National Overseas Oil” comprou a metade da empresa dos Bulgheroni Alén por 3.000 millóns de dólares e os irmáns consolidáronse como “los máximos petroleros” do país, ó adquirir a filial arxentina da estadounidense ExxonMobil.

O salto dos irmáns á actualidade española, segundo informaba en 2015 o ABC, tivo lugar cando “Bridas” asinou un acordo con YPF (a petroleira que agora quere privatizar Milei) para a explotación do principal xacemento petrolífero, coñecido como “Vaca Muerta” e descuberto por Repsol.

Dende aquela, Carlos -que faleceu en 2016 e chegou a negociar un gaseoducto cos talibán- e Alejandro están entre as catro familias máis ricas de Arxentina, con 25 mil empregos directos. Alejandro ten sido portada, cando menos dúas veces, na famosa revista Forbes. A última no pasado mes de outubro, onde fala da diversificación empresarial e da súa querencia polo viño, que está producindo en Uruguay e na Patagonia, se cadra porque descoñece que o seu bisavó partiu un día do Ribeiro.

Te puede interesar