Crónicas de agora e sempre

Dende Forcas ó corazón de Valdecilla

O Hospital de Valdecilla recén construído, cando o doutor Lamelas se fixo cargo do servizo de cardioloxía (1930).
photo_camera O Hospital de Valdecilla recén construído, cando o doutor Lamelas se fixo cargo do servizo de cardioloxía (1930).
Logo de ter probado o ingrato sabor da emigración ós 14 anos, José Antonio Lamelas regresou de Cuba para estudar medicina da man de Gregorio Marañón, e ser un referente da cardioloxía no pioneiro hospital santanderino de Valdecilla

A folga médica que esta última semana paralizou a sanidade galega, unido á singular noticia da autolesión que un indixente se provocou no hospital cántabro de Valdecilla queimándose “ó bonzo”, lévame a rescatar do fondallo da memoria a José Antonio Lamelas, un emigrante inusual nacido na aldea de Forcas (Parada do Sil), que, sendo un neno, decidiu seguir os pasos de tres dos seus oito irmáns á procura da fortuna en Cuba, sen saber daquela que o seu futuro e o seu éxito estaban escritos no seu país e nos libros pioneiros de cardioloxía.

Aínda que as referencias bibliográficas xeralistas que navegan pola rede indican que José Antonio deixou Forcas ós 18 anos, a súa filla Angelina -xornalista e escritora santanderina- asegura en “Cuentos de la vida casi entera” que a viaxe tivo lugar cando andaba polos 14 anos.

Sergio, Agenor e Melquiades -os tres maiores dunha camada formada por catro homes e cinco mulleres- levaban varios anos residindo entre Camagüey e Ciego de Ávila cando Melquiades -que xa fora quen de facerse cunha humilde cantina- regresou a Forcas para visitar á familia e lle propuxo probar a experiencia de choutar por riba dos outeiros do Rodicio, cruzar o Atlántico e arribar nun universo bulicioso e cosmopolita que nin sequera imaxinaba.

“Alí ninguén regala nada, pero hai prata se non lle tes medo á faena”, seica lle dixo Melquiades nos preludios do regreso e José Antonio, admirado, respondeu que si, que se a seus irmáns lles tiña ido ben, por que non lle ía ir a el tamén.

Así foi como despois de case un mes de travesía oceánica tomou terra na Habana e asentou en Camagüey coas esperanzas íntegras e as forzas intactas para encomendarse ó novo mundo. Que podía pasar -debeu pensar-, arroupado como estaba por tres irmáns maiores!

Pero pasou... Foi o día que lle negou servizo a un mulato por estar demasiado bébedo e este lle arrebolou o machete do que só se salvou agachándose por detrás do mostrador da taberna, na que non só traballaba senón tamén durmía.

Entón decatouse de que aquela vida non era para el e decidiu regresar a Ourense e apurar os días para rematar en dous anos a formación que lle daría acceso á universidade e licenciarse en medicina na facultade madrileña, con vintedúas matrículas de honra e coa sorte de coincidir co prestixioso Gregorio Marañón, quen o tomou coma un dos seus discípulos e lle abriu os camiños do mundo pola autoestrada do coñecemento, que nada tiña que ver coa penosa emigración que probara en Cuba.

A dureza do traballo non era menor, pero era intelectual e pola procura do saber. E iso si que o entusiasmaba.

Da man de Marañón introduciuse na patoloxía médica, nas interioridades do funcionamento do corazón e na endocrinoloxía. E da man de Marañón conseguíu unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios que o levou a Boston e Nueva York, onda os pioneiros da cardioloxía americana e, de regreso a Madrid, a ser seleccionado, xunto cun selecto equipo de especialistas nas distintas ramas da medicina, para responsabilizarse do servizo de cardioloxía na posta en marcha do pioneiro e hoxe vanguardista hospital que o Marqués de Valdecilla promoveu na cidade de Santander en 1929, á fronte do cal estivo ata que se xubilou en 1974 con máis de oitenta libros e traballos científicos publicados sobre as enfermidades do corazón.

Deste xeito a vida de José Antonio quedou permanentemente ligada á capital cántabra, non só pola profesión, senón porque o seu matrimonio con Angelina Olaran alcanzou -en trece anos- a superar a seus pais e procrear nada máis e nada menos ca dez fillos.

O mestre Graciano e unha sementeira de Lamelas espallados por medio mundo

É posible que a prolífica vida de José Antonio Lamelas -tanto na aventura do saber como na arte da procreación- non se entendese sen o influxo do mestre de Forcas, Graciano Lamelas -seu pai-, quen, ademais de ler a “Shakespeare” a carón da lareira e “bautizar” ó can como “Lear”, aproveitou o tempo coa súa muller María Luisa para enxendrar unha familia formada por catro homes e cinco mulleres ós que lles amosou que, máis alá dos aparentemente inaccesibles balcóns sobre o río Sil, abríase o ceo cara uns horizontes ós que non había por que lles ter medo.

De tal torgueira emerxeu Sergio -o maior-, quen, en 1907 na compaña de dous veciños de Forcas choutou por riba do océano sen mirar atrás por mor dun incontable episodio do que se cadra nunca se deu zafado; como emerxeu Agenor, que traballou no ferrocarril en Morón e morreu ben novo, e, sobre todo, emerxeu Melquiades, quen de augador saltou a buhoneiro, de buhoneiro a taberneiro e de taberneiro a acaudalado propietario dunha rede hosteleira pola illa, co Hotel Rueda como buque enseña, e que -segundo relato memorístico de Angelina- “desembarcaba en Santander con el Buick apabullante del triunfador” non exento -iso si- das inevitables penalidades das que non se libra todo trunfador, como foi o suceso protagonizado en 1938 na súa quinta residencial, polo matrimonio formado por dous empregados seus, “Fidel Grandoso y su esposa Paula Pozo, quienes pactaron suidicarse juntos como tributo de cariño a su hija Luisa” falecida dúas semanas antes.

Como tamén emerxeron Albina, Visitación e Eduviges, que procuraron acougo en Arxentina, ademais de Ana Jacinta e, finalmente, Olimpia, quen destacou no oficio docente -coma seu pai- ata ser merecente da Cruz de “Alfonso X El Sabio”.

De todos eles, hoxe en día, andan repartidos polo mundo -os da primeira camada todos falecidos- prestixiosos médicos -tamén cardiólogos-, enxeñeiros, escritores, xornalistas, mariños e unha nutricia sementeira de homes e mulleres destacados nas máis diversas profesións, moitos dos cales, no verán de 2009, decidiron confluíren en Compostela como alicerce simbólico dunha Galicia matriarcal dende a que -por mor de Graciano e Luisa- alumearon todos ó ronsel da vida.

Te puede interesar