Crónicas de agora e sempre

Un desmaio no incendio de Oporto no que faleceron 140 persoas, 6 delas de Ourense

Ilustracións do incendio do Teatro Baquet de Oporto en xornais da época.
photo_camera Ilustracións do incendio do Teatro Baquet de Oporto en xornais da época.

Foron moitos os xornais que se fixeron eco, en marzo de 1888, da traxedia do Teatro Baquet de Oporto, no que chegaron a falecer ata 140 persoas. Entre elas, segundo o "Crónica de Pontevedra", "una familia de Orense compuesta por 6 personas, que habían ido a Oporto a pasar unos días".

Segundo este mesmo xornal, o incendio comezou no escenario debido a que "una candileja comunicó el fuego a una bambalina", provocando unha propagación inmediata que alcanzou tódalas seccións dun teatro ateigado de xente.

"Dorinda Rodríguez y Amalia Gayarre -di o xornal- se hallaban en un estado delicadísimo y en último perido de gravedad. Dorinda cayó desmayada y fue conducida en brazos afuera".

A presencia en Portugal de Dorinda é periódica, pero case permanente, alternando as súas actuacións entre Oporto e Lisboa, con obras do "género chico", que eran especialmente apreciadas pola sociedade deste país.

É así como se pode entender que, finalizando esa fructuosa década dos 90, ós 36 anos, tal e como recolle "El correo gallego" do 14 de outubro de 1898, "la conocida tiple gallega, Dorinda Rodríguez, acaba de contraer matrimonio en Lisboa con el aristócrata Luís de Sousa Maceda", que realmente se chamaba Luís María Álvaro da Costa de Sousa de Macedo e que era o cuarto Conde de Mesquitela, desaparecendo practicamente dos xornais para pasar a ser a "condessas de Mesquitela".

Só no ano 1912 "La correspondencia española" do 22 de novembro se fai eco da presenza da "tiple cómica gallega que tantos éxitos obtuvo en los teatros de Lisboa y La Habana", para informar de que ofrecerá un concerto no Centro Gallego madrileño "como muestra de afecto a la colonia".

Xa no anonimato da alta sociedade lisboeta, Dorinda deu a luz a un fillo, João Carlos, e vive unha longa vida ata o 2 de xullo de 1955, cando falece á idade de 93 anos para comezar a durmir un sono de silencio que hoxe nos prace poder espertar para propoñer -por que non!- que o Auditorio, hoxe tamén en silencio, poida levar un día o nome de Dorinda Rodríguez.

Te puede interesar