CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

José Ares de Parga, o banqueiro dual

En Bos Aires “Galicia” compite aínda hoxe en presenza con “Santander”.
photo_camera En Bos Aires “Galicia” compite aínda hoxe en presenza con “Santander”.
Formou parte dunha ilustrada e emprendedora familia ourensá que procurou unha boa posición económica na capital, pero que acabou asentándose en Bos Aires, onde foi quen de conxugar o éxito intelectual coa dozura da gloria financeira

Coa inflación arxentina pechando o ano nun 211% e o tráfico marítimo de medio mundo atascado no Mar Roxo, resulta acaído abordar un híbrido informativo no que emerxe este ourensán coma un dos promotores da primeira entidade bancaria privada da Arxentina -o “Banco de Galicia y Buenos Aires”- e logo asiste, como alleo observador, a un megalómano proxecto de construcción de catro transatlánticos que levarían os nomes das catro provincias ademais dun submarino que sería bautizado como Galicia.

A  calquera persoa que teña gozado do privilexio de pasear polas aliñadas e infinitas rúas do populoso corazón urbano de Bos Aires, estou completamente seguro de que non lle pasou desapercibido un acristalado edificio situado á carreiriña dun can da emblemática Praza de Maio e da famosa Casa Rosada facendo fronteira coa zona recreativa de “Puerto Madero”.

Trátase da coñecida Torre Galicia, estratexicamente asentada na avenida do xeneral Perón, que amosa altiva e orgullosa a, tan próxima para nós, cruz de Santiago, ligada a palabra Galicia, co obxectivo de fachendear  do poderío do pobo galego naquelas terras.

É posible que ós ollos do observador despistado puidera semellar a sede que a colectividade galega logrou levantar na “quinta provincia” logo de dous séculos de continua emigración. Pero non. Ata para un grupo humano tan ben posicionado na elite económica e social do país irmán sería demasiado ampuloso e excesivo, malia que, en determinados casos, entre os galegos do mundo teñan xurdido proxectos tan fantasiosos, extravagantes e incluso delirantes como poderemos comprobar de seguido.

Ora ben, o que si é certo, é que a existencia actual do edificio e a presenza da cruz compostelá na croa acompañando ó nome da nosa terra, non serían hoxe unha realidade tanxible se non fose porque nos derradeiros anos do século XIX recalou en Bos Aires este ourensán que respondía ó nome de José Ares de Parga Conde.

Nacido en Ourense arrredor de 1850 e fillo dos comerciantes Manuel Ares de Parga Pulleiro e Melchora Conde, con eles e outros dous irmáns, Aureliano e Ignacio, conformou unha familia sobre a que hai tempo apuntou algúns datos Rafael Salgado, nos que a cualificaba como “una familia polifacética” que presumiblemente gozaba de boa situación económica e bo posicionamento social, non en van  os dous irmáns máis novos, Aureliano e Ignacio completaron a formación académica da man de Francisco Giner de los Ríos na elitista e prestixiosa Institución Libre de Enseñanza madrileña.

De quen non hai referencias educativas é, precisamente, de José, quen, sen embargo, aparece na prensa ourensá dos anos 70 do XIX como presidente da sociedade lírica do Liceo ourensán, ademais de como adxudicatario de varias obras públicas na cidade, entre elas a “reparación del puente Pinza por un importe de 11.499 pesetas”, así como adxudicatario “del servicio de bagages de la ciudad”.

A isto hai que lle engadir, seguindo a Salgado, a instalación de “un pequeño y céntrico hotel de gran lujo en 1882” denominado “Hotel Inglés. Restaurant Café” que pecharían tres anos despois para acometer outros proxectos comerciais no sector dos “coloniales”, así como un teatro-circo que disque non deu o salto da planimetría á realidade.

Sen saber por que, de súpeto a familia desaparece de Ourense e, mentres Aureliano céntrase na publicación de varios libros educativos e Ignacio afonda nos postulados Giner de los Ríos para acabar -xa en Bos Aires- convertido nun prestixioso pedagogo, José emerxe na prensa galega bonaerense no sector das finanzas, como iniciador dunha axencia “que se encarga de facilitar información, acepta representaciones, coloca dineros y tiene disponibles, compra y vende propiedades”, ademais de propietario e director da revista quincenal “Sud-América Financiera”.

Paralelamente, esa mesma prensa -poñamos por caso “Nova Galicia” de 21 de agosto de 1904- sitúao como promotor da fundación dunha entidade bancaria nos seguintes termos: “... acabamos de recibir un proyecto de estatutos para fundar en esta ciudad el “Banco de Galicia y Buenos Aires”.

Co compromiso persoal da colonia galega e un capital nominal de 5 millóns de pesos, a entidade arranca no mes de novembro de 1905 con tanta forza que -co propio Ares de Parga como xerente- convértese na primeira entidade privada do país e en só seis anos xa conta con media ducia de sucursais repartidas pola capital, así como en Montevideo, ata hoxe mesmo en que, co nome de Banco Galicia, mantén unha das máis extensas e diversificadas redes de distribución da banca privada arxentina.

Catro transatlánticos cos nomes das catro provincias e un submarino chamado Galicia

José Ares de Parga coa súa muller Francisca e primeira sede do banco.
José Ares de Parga coa súa muller Francisca e primeira sede do banco.

Para cando xurdiu o fantasioso proxecto que imos relatar, José Ares de Parga non só non formaba parte xa da cúpula directiva do “Banco de Galicia y Buenos Aires”, senón que levaba tres anos ocupado nun segundo proxecto crediticio, na compaña do avogado tamén ourensán, Julio Carballo, denominado “Banco Gremial de Buenos Aires”.

Problemas relacionados coa “desgaleguización” da cúpula diretiva e mesmo dos traballadores da entidade e outras diferencias criticadas polo semanario “Nova Galicia”, é posible que estiveran detrás da transcendental decisión de Ares de Parga, de poñerse a un lado na xestión do primeiro banco.

Isto fixo que non fose máis ca un observador privilexiado do fallido e fantasioso proxecto presentado por outro galego -neste caso non ourensán, senón de Cambados-, o xornalista José Rey Ares, quen ó fío da proposta promovida daquela polo goberno español de construír unha pequena flota de submarinos, el entendeu -e así o publicou en “Nova Galicia” o 5 de abril de 1916- que para Galicia “sería mejor construir cuatro buques mercantes que llevarían los nombres de las cuatro provincias”, é dicir, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por medio dunha masiva suscripción popular dos galegos residentes en Galicia e daqueles que se atopaban espallados polo mundo.

O obxectivo sería conseguir que un millón de galegos se comprometesen con “dos pesetas al mes” para a causa. “Sosteniendo la suscripción un año quedaría cubierto totalmente el importe de seis millones de pesetas para cada barco”, que se dedicarían ó transporte de persoas e mercadorías entre Galicia e os principais portos de América e que serían xestionados por cada unha das deputacións provinciais coincidentes co nome do barco.

De xestionar as achegas encargaríase o devandito “Banco de Galicia”, a dicir da revista “Nova Galicia” -que abrazou de forma entusiasta a iniciativa-, ata o punto de destacar que “una vez cubierto el presupuesto, si sobrase dinero todavía ordenaríamos la construcción de un submarino que llevase el nombre de Galicia”.

Rey Ares chegou incluso a escribirlle -e recibir contestación do ministro de Fomento- pero como tódalas grandes fantasías, era demasiado fermosa para ser certa e Rey Ares falecería en 1958 sen que o Banco de Galicia chegase a implicarse naquela aventura irreal.

Te puede interesar