Unha tese aborda o control de pandemias

Elías Fernández, investigador da UVigo.
photo_camera Elías Fernández, investigador da UVigo.

Elías Fernández investiga a "anticipación" a contextos relacionados co cambio climático

O investigador Elías Fernández Domingos analiza a coordinación entre humanos e axentes artificiais en escenarios de risco colectivo na súa tese de doutoramento. “O obxectivo era investigar a anticipación neste tipo de contextos”, di o científico. “O cambio climático, os procesos de vacinación ou o control de pandemias son temas de total actualidade nos que se confrontan intereses individuais e colectivos e os beneficios inmediatos e a longo prazo. Estes contextos son coñecidos como situacións de risco colectivo, escenarios complexos que conforman dilemas sociais suxeitos a moitas incertezas, dende a probabilidade de que a catástrofe ocorra, ata o tempo dispoñible para evitala”, analiza na súa tese.

Os profesores Tom Lenaerts e Juan Carlos Burguillo dirixen o traballo de Elías Fernández, que engade unha nova compoñente á súa investigación: os axentes artificiais. “Cada vez con máis frecuencia, estas situacións sociais de risco colectivo non só dependen de interaccións entre humanos, senón que se ven afectadas pola presenza de axentes artificiais a través de sistemas sociotécnicos despregados en diferentes niveis da sociedade”. Pon como exemplo os chat-bots en centros de atención telefónica, que poden condicionar os tempos de respostas ante unha catástrofe ou bots en Twitter, que inflúen na opinión colectiva, por exemplo ante un proceso de vacinación como que está arrancando para frear a covid-19. Na súa tese de doutoramento, Elías Fernández realiza “unha serie de experimentos económicos de comportamento nun dilema de risco colectivo (DRC)” coordinando humanos e axentes artificiais para tratar de analizar a anticipación neste tipo de contextos.

Te puede interesar