UNIVERSITAS

Como aplicar as tecnoloxías da voz á detección automática da depresión

g1 (2)_result
photo_camera Laura Docio, Paula López e Carmen García Mateo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

A investigación centrou a tese de doutoramento de Paula López, do grupo de Tecnoloxías Multimedia, e a súa aplicación facilitaría o proceso de diagnose da enfermidade

Conseguir desenvolver un sistema capaz de detectar a través da voz si unha persoa sufre ou non depresión. Este é un dos obxectivos co que están a traballar no Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo e no que a investigadora Paula López centrou unha parte destacada da súa tese de doutoramento, unha análise minuciosa dirixida a obter información sobre como a tecnoloxía pode axudar, a través da simple análise da voz, a obter información acerca do estado emocional dunha persoa.

“Este sistema tería moita utilidade de cara a aumentar o coñecemento sobre esta enfermidade cada día máis común, así como a posibilidade de facilitar o proceso de diagnose tanto para o médico como para o paciente”, explica López, investigadora de posdoutoramento no GTM, un equipo especializado en tecnoloxías da fala, procesado de imaxe e visión artificial liderado pola catedrática Carmen García Mateo –co directora da tese xunto a Laura Docio- e que foi catalogado dende o ano 2007 como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia.

“Lograr información sobre o estado emocional a través das tecnoloxías da voz é unha área de investigación que está a acadar cada vez máis atención”, recalca a autora da tese, que explica que isto se debe ás múltiples aplicacións que teñen este tipo de traballos para a realización de análises de mercado, deseño de videoxogos, mellora das interfaces de comunicación home-máquina e tamén, “aínda que menos abordado”, para o estudo de enfermidades e trastornos mentais.n

Te puede interesar
Más en Universitas