UNIVERSITAS

“El Camino de los sentidos", da odisea vital ao desafío filolóxico

photo_camera Gerardo e Javier no seu triciclo tándem.

A obra, con versión en braille e lingua de signos española, preséntase hoxe, ás 20.00 horas, no Centro Cívico de Teis

En 2009 o policía vigués Javier Pitillas e o mozo xordocego Gerardo Fernández cumpriron un soño, percorrer xuntos desde Roncesvalles a Galicia o Camiño de Santiago montados nun triciclo tándem, toda unha historia de superación e vitalidade que serviu de punto de partida para outras viaxes e outros proxectos aos que se foron unindo novos valentes dispostos a superar atrancos e colaboradores desexosos de pór o seu gran de area para axudar a conseguilo. A aventura segue sen coñecer barreiras e esta semana superará unha nova etapa coa presentación de "El Camino de los sentidos", un libro editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo “co que recoñecer o seu enorme valor e facer chegar esta historia, a súa historia, ao maior número de persoas posibles”, tal e como subliñan no seu prólogo as editoras, as filólogas Inmaculada Báez Montero, responsable do grupo de investigación de Lingua Española e Linguas Signadas, Griles, e as súas alumnas, Eva Freijeiro e María Suárez.


A presentación será hoxe, ás 20.00 horas no Centro Cívico de Teis, en Vigo, e ata alí agardan que se acheguen moitos dos fans que Pitillas e Gerardo, a quen a Universidade lle concedeu na Gala do Deporte 2012 o premio Vida e Valor Solidario, foron gañando ao longo destes anos. Será a posta de largo dunha obra que as editoras definen como “un desafío de lectura total e para todos”, un traballo minucioso, inicialmente extra académico, que deu como resultado un libro multimodal no que, ademais da edición orixinal, escrita por Javier Pitillas e a súa irmá María Mar a modo de diario, se inclúe unha versión en braille, outra en lingua de signos e un audiolibro co propio Javier como voz protagonista.


“Camiño de Santiago e xordocegueira son dous conceptos entre os que a priori non existe ningunha unión. El Camino de los sentidos non só vincula estreitamente estes dous termos, senón que ademais nos narra unha historia que vai moito máis alá”, subliñan no prólogo as editoras, que recoñecen que a historia de Gerardo, o mozo que “oe pouco, ve pouco e fala moito”, como el mesmo se presenta, cativounas dende o principio e, “sobre todo, deunos unha verdadeira lección de vida demostrándonos que os límites son invencións que se crearon para ser superados”.


A realización desta obra multiformato foi para as autoras “un verdadeiro reto filolóxico” pola innovación que supón, pero tamén unha gran satisfacción, pois con el demostran que, empregando as ferramentas axeitadas, é posible sacar do prelo unha obra accesible tanto para un lector ao uso, como para os xordos que falan lingua de signos, para os cegos que leen en braille e tamén para os que prefiren achegarse á historia escoitando de viva voz a testemuña de Javier. Para acadalo aproveitaron o sentido do tacto e editaron en braille, aproveitaron a vista e traduciron a lingua de signos e aproveitaron o oído e leron en voz alta porque, como elas se encargan de lembrar, os olores e os sabores están nas descrición dos autores e os camiñantes.


“Somos filólogas, ocupámonos de textos escritos, de ensinar e de achegar as obras literarias aos seus posibles receptores para que os pensamentos de Gerardo que Javier escribiu traspasen barreiras”, explican as autoras da edición, que recalcan que neste proxecto contaron coa colaboración, ademais do propio Servizo de Publicacións da Universidade, de entidades como ASPAVI, a Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo; APAMP, Asociación de familias de persoas con parálise cerebral, a ONCE, a empresa TelTEk ... e “por suposto” de Javier Pitillas, quen lles brindou “o seu apoio, o seu tempo e a súa voz”.

Te puede interesar
Más en Universitas