UNIVERSITAS

Unha exposición para pór en valor o poder dos consumidores

Pode visitarse no centro comercial da Cidade Universitaria ata finais de maio

Os datos que aporta a ONG Oxfam Internacional reflicten unha realidade sin senso: un mundo con capacidade de producir comida para toda a poboación mundial, pero no que se desperdicia un terzo dos alimentos, no que hai en torno a 1400 millóns de persoas con sobrepeso e onde 900 millóns de persoas se deitan cada noite con fame. O absurdo é maior cando se comproba que o 60% deses 900 millóns correspóndense cos agricultores e agricultoras encargados de subministrar alimentos ao resto da poboación mundial. Boa parte da culpa de que isto sexa así é dos consumidores que cun acto tan irreflexivo e cotiá como facer a compra contribúen a fomentar estas desigualdades.


Con motivo da celebración do Día Europeo do Comercio Xusto e para contribuír a sensibilizar á comunidade universitaria dun consumo responsable, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais inaugurou esta semana no centro comercial da Cidade Universitaria unha exposición e unha minicampaña, "Crece Tras la marca", en colaboración coa ONG Intermón Oxfam. O obxectivo é dar a coñecer as políticas de abastecemento agrícola das principais empresas de alimentación e invitar aos consumidores a exercer presión para que estas firmas se involucren co que sucede nas súas cadeas de subministro. “Somos directamente responsables do que consumimos; nas nosas decisións cotiás temos nas nosas mans a posibilidade de elixir se nos importa ou non de onde proceden os produtos que consumimos ou nas condicións nas que se obteñen”, salienta o vicerreitor de Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias.


Na exposición, que permanecerá aberta durante dúas semanas, os e as asistentes poderán coñecer as condicións de traballo que grandes empresas do sector da alimentación ofrecen aos seus provedores e, grazas á colaboración dos pequenos negocios do centro comercial, poderán ter acceso a unha pequena mostra de produtos de comercio xusto. Nesta liña, o técnico de Cooperación para o Desenvolvemento da Universidade, Marcos Ulloa, subliña o poder dos consumidores para paliar estas desigualdades. “Nós somos os que temos que converternos en axentes de cambio; a aposta polo comercio xusto correspóndese cunha actitude de consumo que lle pon nome e apelidos ás políticas comerciais, así como tamén aos pequenos produtores e ao pequeno negocio que aspiramos apoiar”, engade.

Te puede interesar
Más en Universitas