PREMIO

A filóloga Paula Reyes galardoada por Asele

O premio foi concedido polo grao de orixinalidade da súa tese, baseada nun sistema de asesoramento colaborativo para avaliar a profesores de linguas.

A Asociación para la enseñanza del español como lengua extranjera, ASELE, concedeu este ano o seu premio anual á filóloga viguesa Paula Reyes pola súa tese de doutoramento, unha investigación na que demostra como unha formación baseada en un sistema de asesoramento colaborativo e sustentada nesas mesmas dimensións pode modificar significativamente as prácticas avaliadoras dos profesores de Español como Lingua Estranxeira e conseguir melloras na súa maneira de ensinar.

“Este premio é para min un enorme recoñecemento ao esforzo realizado ao longo dos tres últimos anos, non só por min, senón por todas aquelas persoas que colaboraron no seu desenvolvemento, e aos que agora lles dou grazas deste xeito tan especial”, subliña a investigadora, que na actualidade reside na cidade polaca de Torun, onde exerce como docente de español e formadora de profesores de linguas estranxeiras na Universidad Nicolás Copérnico.

Gañar este premio supón para Reyes cumprir outro dos seus soños “poder publicar a investigación”, algo que hai apenas un ano, “cando a defendín na Facultade de Filoloxía e Tradución, non podía nin imaxinar”. O xurado destacou do seu traballo o elevado grao de orixinalidade e interese, a actualidade do tema, a precisión no uso de conceptos, métodos e terminoloxía, e a relevancia do traballo para futuras investigacións. 

A investigación premiada, dirixida pola profesora viguesa Inmaculada C. Baez Montero e codirixida desde a Universitat Autònoma de Barcelona polo profesor Carlos Monereo Font, centrouse en comprobar como un sistema de asesoramento colaborativo, fundamentado nos principios da avaliación auténtica, pode mellorar as competencias dos docentes de ELE en avaliación e promover un cambio que incida non só nos procedementos avaliadores, senón tamén nas concepcións e nos sentimentos asociados á avaliación.

“Elixín o tema da avaliación porque é un eixe fundamental en educación, xa que dela depende como ensina o profesor e como aprende o alumno ou alumna”, suliña a investigadora, que fai fincapé en que, pese a relevancia da avaliación no proceso formativo “son poucos os esforzos que se dedican a ensinar a avaliar”.

O feito de elixir como método de traballo o asesoramento colaborativo supuxo contar cun amplo número de profesores que “amablemente” aceptaron traballar con ela na investigación, ben xerando recursos, achegando as súas impresións ou analizando os datos que se ían xerando. “Esta maneira de traballar permitiume axustarme mellor ás súas demandas”, resalta a autora, que fai fincapé na necesidade de que os cambios se adapten á maneira de proceder dos docentes.

Te puede interesar
Más en Universitas