Gozar da xubilación entre apuntamentos e libros

gal01_result
photo_camera O profesor Alberto Vaquero dirixe este programa.

O Programa de Maiores conta este curso con preto de 220 matriculados

Moitos son viúvos, viven sos ou están a pasar unha situación laboral delicada, con máis de 55 anos e a crise económica aínda enriba, por iso atopan nas aulas “unha motivación, algo co que encher o noso tempo”. Así explica José Miguel Martínez a súa experiencia no Programa de Maiores do campus de Ourense, dirixido polo profesor Alberto Vaquero e que este 2014/2015 conta con preto de 220 matriculados repartidos en cinco cursos académicos.

Médico xubilado “á forza” e secretario da Asociación das Aulas de Maiores do campus ourensán, José Miguel decidiu retomar os seus estudos universitarios “para refrescar coñecementos e aprender todo o que poida” dun xeito accesible e “relaxado que permite que os maiores veñamos aquí con un pouco máis de tranquilidade, sen a presión das notas ou dos exames”. “É un esforzo que está dentro do razoable, son soamente dúas tardes á semana. É mellor estar aprendendo que paseando pola rúa con cara de aburridos ou en casa vendo a tele”, salienta.

A organización tamén está preparando unha proposta de actividades extraacadémicas para complementar a formación dos estudantes. Á marxe das clases, o alumnado pode elixir entre o coro de maiores, as aulas de teatro ou, por exemplo, a liga de debate, que o ano pasado tivo unha moi boa acollida.

Te puede interesar
Más en Universitas