UNIVERSITAS

Informática organiza a Hora do Código para rapaces de 6 a 17 anos

gal1a_result
photo_camera Belén Iglesias, Ana Garriga e Fernando Suárez presentaron as características da iniciativa.

Os obradoiros incluirán actividades de programación, impresión 3D e robótica

Mañá venres, día 11 de decembro, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense abrirá as súas portas para que os rapaces e rapazas de 6 a 17 anos que o desexen se acheguen a aprender nocións básicas de programación, impresión 3D e robótica dun xeito ameno, divertido e accesible. Será na Hora do Código, unha iniciativa internacional ao que o centro se une xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e á Concellaría de Educación de Ourense. 


A iniciativa foi presentada hai uns días no campus de Ourense polos representantes das entidades organizadoras. “É importante que os rapaces e rapazas coñezan o que hai detrás de instrumentos que empregan todos os días, que forman parte xa da súa vida diaria”, comentou Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O obxectivo da iniciativa é, recalcou Fernando Suárez, decano do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, “estender os coñecementos de ciencias da computación” aos máis pequenos e pequenas para que “coñezan os conceptos e o mundo no que viven”, un mundo no que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. “Unha hora de código pode resultar moi enriquecedora”, subliñou Belén Iglesias, concelleira de Educación, que fixo fincapé en que a programación é hoxe en día “unha das linguaxes máis universais que existen” e que o seu coñecemento fomenta habilidades como a creatividade e a lóxica.


Segundo explicaron na presentación da iniciativa, o proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zukerberg.

Te puede interesar
Más en Universitas