UNIVERSITAS

Mínimo histórico de emisións con 21.397 toneladas de CO2

pagina1(1)_result
photo_camera A Universidade marcou en 2014 un mínimo histórico de emisións.

Este dato acadado en 2014 pola Universidade de Vigo, segundo o informe que a Oficina de Medio Ambiente publica anualmente  sobre A pegada ecolóxica da institución viguesa

Dende 2009, cando se marcou un máximo histórico, as emisións de CO2 da Universidade de Vigo teñen unha clara progresión descendente. Os datos do pasado 2014 amosan que a institución marcou un mínimo histórico dende que se comezou en 2008 a realizar estudos sobre o impacto ambiental das actividades universitarias. Segundo o informe "A Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2014", que vén de publicar a Oficina de Medio Ambiente, no pasado ano rexistráronse 21.397 Tm de CO2 emitidas á atmosfera. A principal fonte contaminante continúa a ser o transporte do estudantado e do persoal aos tres campus, principalmente ao de Vigo, o máis numeroso e tamén o máis afastado da cidade. As emisións totais tradúcense nunha pegada ecolóxica de 0,179 ha/persoa/ano, é dicir, que a superficie necesaria para fixar ou compensar esas emisións sería de 4107 hectáreas de bosque.


Un dato que non varía ano tras ano é o peso da mobilidade, que se consolida como a principal fonte de emisión. De feito, o transporte de estudantes e persoal nos tres campus representa preto do 56% do CO2 emitido. O campus de Vigo é o que máis contribúe a estas cifras, e representa o 83% das emisións asociadas á mobilidade do conxunto da institución, seguido de Pontevedra cun 9% e Ourense cun 8%. Por detrás do transporte, a segunda fonte de máis impacto é a edificación, que contribúe á pegada ecolóxica global cunha porcentaxe do 17%, debido a que os tres campus contan cunha superficie construída total de 351.149 m2. O gasóleo, pola súa banda, supuxo o 13% das emisións ao ano 2014, xa que este tipo de combustible é utilizado para calefacción en todas as instalacións e centros, coa excepción dos localizados no centro de Vigo, algúns edificios da Cidade Universitaria no campus de Vigo e o CITI de Ourense, que empregan gas natural.

A electricidade contribúe co 11% á pegada ecolóxica, mentres que o papel, os residuos, o gas natural, a auga e a biomasa supoñen unha achega moi baixa de emisións en comparación coas fontes anteriormente citadas. Analizando os campus por separado, pódese destacar que no de Vigo a importancia relativa das emisións asociadas á mobilidade é superior ao global, cun 63% das emisións de CO2. Este feito explícase pola situación xeográfica do campus, a uns 15 quilómetros do centro urbano, unha distancia cinco veces maior ca dos campus de Ourense e Pontevedra. 


      Con todo, a pegada ecolóxica da Universidade de Vigo (0,179 ha/cap) atópase entre as máis baixas das universidades analizadas neste informe. Á vista dos resultados obtidos por outras institucións educativas españolas como a de León (0,45 ha/cap) ou a de Málaga (0,29 ha/cap), obsérvase que Vigo ten un compromiso ambiental salientable, xa que, malia posuír un grande hándicap ao estar localizado o seu campus principal afastado do núcleo urbano, consegue ter unha pegada ecolóxica relativamente baixa. De feito, que exista unha grande extensión arborada e vexetal no campus vigués é moi beneficioso, xa que actúa como sumidoiro das emisións.


A pegada de carbono entre 2008 e 2014 flutúa nun intervalo entre 21.400 e 23.700 toneladas de CO2, pero as maiores emisións producíronse en 2009, 2008 e 2011, coincidindo cos anos de maior número de usuarios na Universidade. A pegada de carbono do ano 2014, expresada en toneladas de CO2 por persoa, diminuíu arredor dun 15% con respecto á do 2009. Isto é debido en boa medida aos proxectos de eficiencia enerxética e prácticas máis sustentables acometidas pola Universidade de Vigo no exercicio das súas actividades ao longo destes anos.

Te puede interesar
Más en Universitas