En Pontevedra hai tres pisos nos que só se fala en inglés

gal1-1-_result
photo_camera Residentes nos pisos da Casa Inglesa co vicerreitor do campus.

Once estudantes conviven cunha norteamericana e dous británicos nas tres sedes da Casa Inglesa

Atopar a un prezo accesible un lugar no que vivir durante o curso e aproveitar esta estancia para aprender un idioma sen saír da casa, convivindo con persoas naturais dun país de fala inglesa, son os dous alicientes que levaron no presente curso académico a once alumnos e alumnas do campus a establecer a súa residencia na Casa Inglesa. Ou máis ben, nas ‘Casas Inglesas’, posto que o aumento da demanda que experimentou no presente curso esta iniciativa da Vicerreitoría do campus de Pontevedra motivou que desta volta sexan tres os pisos, nos que o estudantado convive cunha estadounidense e dous británicos nos que o inglés é a lingua oficial de portas para dentro.

Situados nun mesmo edificio da rúa Loureiro Crespo, estes tres pisos implican triplicar as dimensións desta iniciativa dun curso para outro, como destaca o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que salienta como “moi positivo” o crecemento da Casa Inglesa, “que supón unha oferta atractiva para os estudantes, xa que achega un valor engadido a un prezo razoable, e que na Vicerreitoría consideramos fundamental, porque complementa a forte aposta polos idiomas da Universidade”. Neste senso, Corbacho destaca que a Casa Inglesa “é unha idea que puxo en marcha o anterior equipo”, que encabezaba a vicerreitora Antonia Blanco, “á que non dubidamos nin un segundo en darlle continuidade”, posto que, resalta, “o día a día tamén é moi importante á hora de aprender un idioma”.

Te puede interesar
Más en Universitas