Ata o sábado, catro localidades do rural de Ribadavia acollerán representacións da Mostra Internacional de Teatro, e ademais, estréase no adro de Santo Domingo a obra 'Dança da morte', unha coproducción entre España e Portugal

O escenario múdase ás parroquias

El grupo colombiano Laboratorio Univalle, en plena actuación. (Foto: M. ATRIO)
AMostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia achegarase nesta semana que hoxe comeza ata as localidades do rural do municipio, con funcións en rúas e prazas dende as oito da tarde. A primeira cita será á dos veciños da parroquia de Francelos, coa representación de 'Cartoon' por parte da compañía arxentina El niño retrete. O mércores chegará o turno de Santo André, na que o grupo Tanxarina ofrecerá 'Os narigudos', que tamén poderán presenciar en San Paio o xoves.
A mesma compañía será a encargada de escenificar o sábado a súa montaxe 'Trogloditas' na parroquia de San Cristovo. Mentres, a Praza Maior acolleu na tarde de onte unha lectura dramatizada de 'Aquelas cousas do verán', pola que o escritor Manuel Lourenzo recibiu o Premio Abrente de Textos Teatrais que otorgou a MIT na súa quinta edición. A Mostra continúa na xornada de hoxe cun espectáculo de teatro clásico a partir da traxedia de Shakespeare 'Macbeth', dirixido por Helena Pimenta, a próxima directora da Compañía Nacional de Teatro Clásico, e que se ofrecerá ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo.


COPRODUCCIÓN

O luns finaliza cunha xoia única do teatro ibérico, unha coprodución de Nao d'amores, compañía residente en Segovia e a prestixiosa compañía portuguesa Teatro da Cornucópia. Trátase da 'Dança da morte', que se desenvolverá no espazo do adro da igrexa parroquial de Santo Domingo. Ambalasdúas compañías abordan unha produción conxunta, un espectáculo inspirado en textos españoles e portugueses dos séculos XIV ó XVI, e que xira en torno á temática da Danza Macabra. Unha montaxe que integra o traballo actoral, o teatro de títeres e a interpretación musical en directo con reproducións de instrumentos da época.

Por outra banda, a venda anticipada de entradas mantén un ritmo ascendente dende o pasado venres, según apuntan dende a organización da MIT, de xeito que nalguns casos esgótanse na mesma xornada previa á representación. Nembargantes, os organizadores lembran que a venda ó traverso deste sistema (www.servinova.es, o servizo electrónico de Novacaixagalicia) representa un 80% do total, xa que a porcentaxe restante resérvase para a súa distribución en taquilla o día da representación. O prezo único para as actuacións no Auditorio do Castelo é de cinco euros, se ben o espectáculo da 'Dança da morte' terá un custe de seis euros.

Te puede interesar