A 'Festa do Cabalo' de Maside reunirá a 80 xinetes

A paraxe natural do Puzo do Lago, no municipio de Maside, acollerá o vindeiro domingo, 22 de agosto, a celebración da 'XXII Festa do Cabalo', coa colaboración do Concello e a Deputación provincial. A cita está organizada pola Asociación do Cabalo 'Puzo do Lago' e coma xa é tradicional consistirá nun gran concurso no que os equinos son os protagonistas.
Así, dende as 11.00 horas, haberá probas de beleza e estampa, andadura, carreiras de velocidade e con carros, obstáculos e un 'rodeo americano'. Os organizadores dispoñen de 7.000 euros en premios e trofeos para tódalas modalidades, que se distribúen en cabalos e eguas do país, pura sangue, árabes e cruzados.

O presidente do colectivo, Xaquín Rodríguez, calcula que 'participarán ó longo da xornada un total de 650 cabalos, eguas e poldros, e 80 xinetes concursantes'. Non faltará o descanso, ás 14.00 horas, para degustar polbo, carne ó caldeiro, churrasco, empanada e outras especialidades gastronómicas, ademais da exquisita carne de poldro.

A última hora da tarde, e coincidindo coa entrega dos galardóns ós gañadores dos concursos, levarase a cabo o sorteo dun poldro de pura raza española entre os asistentes o evento.

Te puede interesar