Gozar cunha boa paella

Un grupo de amigos xuntámonos o outro día na casa do Delmiro para disfrutar dunha excelente paella. Atopábase tamén unha parella de recén casados que acaba de chegar de lúa de mel, e o Delmiro, coma sempre moi picarón coas súas historias, preguntoulles se comeran moitas paellas. Eles aseguraron que por moita sona que teñan as paellas doutros lados, a que preparamos aquí en Galicia non lles ten nada que envexar. Todos asentimos, mais observei como un dos asistentes lle lanzaba unha mirada furibunda.
Cando a xente se foi marchando, non me resistín a lle preguntar polo asunto. Entón contoume todo o que anteriormente sucedera, e para elo tivemos que retroceder ata a década dos anos 60 do século pasado.

Entón, como moita xente aínda recorda, o teléfono era un ben tan primordial que nos concellos había un público que facía as veces de centraliña, con telefonistas, as cales tiñan fama de cotillas, por iso moitos falaban en clave.

Segundo o Delmiro, esa persoa que coa mirada lle reprochaba a pícara conversa, fora no seu tempo protagonista dunha sonada boda no pobo. Casaran dúas irmás cos seus respectivos noivos o mesmo día, e foron todos xuntos de lúa de mel. A nai das rapazas explicoulles que tal día a tal hora chamaran ó teléfono público, que alí estaría esperando para que lles comentaran toda a viaxe, inclusive ata as intimidades, referíndose a elas como que ‘comeran tantas paellas’. E así foi. Chegou o día convenido e a pobre señora, toda nervosa, estaba esperando xa dende un par de horas antes a chamada. Cada vez que soaba o teléfono xa pensaba que era por ela. Cando sucedeu, e despois dos saúdos de rigor, preguntoulle a primeira filla.

-Eu comín tres paellas.

-E o Manolo, soubéronlle? -preguntou a nai de novo.

-Supoño, non comentou nada -dixo a rapaza con escasos ánimos, antes de lle pasar o teléfono a súa irmá.

-Eu tamén comín tres! -espetoulle toda contenta á nai, que se interesou polo xenro.

-E o Pepe, soubéronlle? -Que se lle souberon?, je, je.

Aquí a filla escomenzou a botar unhas risas das que parecía non dar parado. Cando tomou algo de alento, e antes de colgar, soltou: -Sábenlle tanto que ata lambe os pucheiros!, je, je.

Te puede interesar