ocio

A Ludoteca Móbil de Xinzo fai disfrutar a pequenos e maiores

<p></p>
photo_camera A representación teatral "Xacinto e a máquina do tempo". (O. PINAL)

O parque de O Toural, na capital da Limia, foi escenario de actividades teatrais, festa da escuma, obradoiros e momentos divertidos cos inchables

Os máis cativos de A Limia embarcáronse onte nas aventuras que ofreceu a Ludoteca Móbil da Deputación de Ourense. A diversión chegou á alameda do Toural da man desta iniciativa que está a percorrer distintos puntos da provincia de Ourense durante os meses de verán, e que ten como obxectivo favorecer as relacións interpersoais dos máis pequenos ao tempo que xogan e aprenden en espazos abertos.

En Xinzo, decenas de nenos e nenas disfrutaron dunha morea de actividades ao aire libre dende a primeira hora dunha mañá, que estivo marcada por un sol radiante e altas temperaturas.

Os pequenos máis madrugadores, acompañados polos seus pais e avós, congregáronse no parque de Xinzo ao redor das 10,30 horas para asistir á obra teatral "Xacinto e a máquina do tempo", a primeira actividade que se celebrou no día. A festa continuou nos inchables ubicados nas inmediacións do Toural, onde os cativos brincaron ata quedar sen folgos e onde tivo lugar, tamén, un obradoiro de "Tattoo".

Xa para poñer o punto e final a unha das últimas festas que terá lugar na vila antes do inicio do curso escolar, a zona do Toural encheuse de escuma e os nenos poideron protagonizar algúns dos momentos máis divertidos de toda a xornada do venres en Xinzo de Limia. 

Te puede interesar