O grupo mexicano, un ballet formado en esencia por estudantes e personal laboral do centro universitario

Mariachis, tequila e charros

 Integrantes do grupo folclórico de México, durante unha das súas escenificacións.
Non é a primeira vez que o Ballet Folclórico da Universidade de Colima visita as Xornadas do Folclore de Ourense. Hai dez anos xa percorreron a provincia enchéndoa de colorido e taconeados. O conxunto está financiado e apoiado pola universidade ata tal punto que o centro neurálxico do folclore de Colima está instalado nun teatro de seu. Durante o transcorrer do festival e a partir de hoxe visitarán as localidades de Verín, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Chaves e, por último, Ourense.
A agresividade dos aboríxenes, o zapateado español e a cadencia da música negra son os compoñentes principais do folclore mexicano; un folclore no que non é o mesmo bailar que danzar. Os americanos executan o segundo con fins pagano-relixiosos ou agrícolas e sempre de xeito colectivo. As cintas, por exemplo, son algúns dos elementos que acompañan este tipo de movementos artísticos. A comunicación coa parella, sen embargo, é o obxectivo principal dos bailes. Socializar con ela, darlle un bico ou collela pola cintura son as pretensións do home cando comeza a bailar; sempre e cando ela se deixe, claro.

Botando unha ollada moi superficial, o folclore mexicano podería terse perfilado deste xeito tendo en conta que no país existen máis de dúas ducias de entidades con música e cultura propias. Só na zona de Guajaca hai documentados uns 300 traxes rexionais. Dunha desas trinta e dúas entidades -unha das da costa pacífica- chegou á provincia e ás Xornadas o Ballet Folclórico da Universidade de Colima.

A XORNADA DE HOXE

Dez grupos para dúas localidades Programación especial para a fin de semana. Casualidade ou non, o certo é que os festivais cos que as ‘Xornadas de folclore’ tentarán facer chegar hoxe ós espectadores as culturas dos seus países invitados ofrecen un incremento no número de participantes por sesión. Tanto na cita de A Rúa como na de Verín serán cinco os grupos que se suban o escenario, todo isto precedido dunha xornada matutina libre de actividades para que os integrantes dos grupos poidan adicarse a ensaiar, descansar ou visitar a cidade. En A Rúa estarán o Gran Ballet Arxentino, Shilpagya, o conxunto folclórico Nairi, a compañía estatal de danza Mari El e Taiwan Folk Music Ensemble.

En Verín asistirán o Gergebil, a agrupación filipina, o Ballet Folclórico da Universidade de Coima, Doina Timisului e Guateng.

Colima, riqueza e cultura da man

O grupo mexicano é un ballet formado en esencia por estudantes e personal laboral do centro universitario, pero unha vez que se desvinculen ou rematen os estudos os directivos non lles negan a posibilidade de seguir.

Coa praia a media hora de distancia a zona aínda non ten sabido explotar a riqueza do mar tanto como puidera, pero son eles os que lles proporcionan parte dos limóns que Coca-Cola precisa. Claro que non só de limóns viven en Colima, senón que exportan salinas ó mundo e poden gabarse de pertencer á zona que viu nacer a tres dos símbolos mexicanos: o tequila, os mariachis e o charro.

A súa entidade non é das máis pobres do país, porque os veciños adoitan cultivar os alimentos e criar os animais. Eles mesmos din que están menos mal que outros. Ó igual que lle acontece ó resto do mundo, México ve como o seu está sendo invadido por todo canto xorde en Estados Unidos; económico e cultural. O folclore do país perde forza segundo se avance cara o Norte. Pero o Ballet de Colima non se queixa, senón ó contrario. O goberno axúdaos pero a potencia cultural de México está nas universidades. De feito, a práctica totalidade dos centros conta con departamentos de música, teatro, danza e artes visuais.






Te puede interesar