GASTRONOMÍA

Oímbra preparará 1.000 quilos de pementos para este domingo

Trátase dun dos eventos gastronómicos máis consolidados da provincia

A vixésimo segunda edición da Feira do Pemento de Oímbra celebrarase este domingo, día 4 de agosto. Trátase dun dos eventos máis senlleiros da comarca de Monterrei e máis importantes do verán da provincia de Ourense. 

Este evento xurdiu para dar a coñecer un dos produtos insignes deste municipio e para contribuir, segundo a alcaldesa, "a dinamizar a economía da contorna de Oímbra, na que destaca tamén a súa riqueza vitivinícola, etnográfica e do patrimonio histórico", dixo. A rexedora achegouse ata o Pazo Provincial onde, na compañía do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, desgranou o programa festivo. 

O representante provincial destacou que o pemento "é o rei da horta en Oímbra. Un produto que representa o alimento natural de calidade básico na gastronomía e na economía desta contorna", e sinalou que esta festa, "declarada de Interese Turístico de Galicia e que conta coa distinción de calidade da Indicación Xeográfica Protexida, ten ao pemento como produto referente, datado no século XIII, desta comarca que combina serra e val”.

Ana Villarino apuntou, pola súa banda, que se trata dun evento xa consolidado como así o amosa o grande número de visitantes. Neste senso, prevese un consumo de mil quilos de pementos. 

"Trátase dunha celebración na que se conxuga gastronomía, música, actividades lúdicas e exposición de diversos produtos de horta e artesáns, así como de maquinaria agrícola", dixo a alcaldesa da localidade.

Te puede interesar